Semana da Tradución // Entrevista á Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación (AGPTI)

O 30 de setembro reivindícase o Día da Tradución e dende Lecturafilia preparei unha serie de entrevistas con profesionais deste mundo tan menosprezado, mais imprescindible. Como din as integrantes da Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación (AGPTI), a sociedade debe tomar conciencia de que consumimos moitos produtos que pasaron polas mans dunha persoa que os trouxo á nosa lingua.

A AGPTI ten diversos obxectivos, entre os que destacan o de contribuír á mellora das condicións laborais das e dos tradutores e tradutoras e intérpretes do mercado galego, promover o uso da lingua galega no mercado da tradución e da interpretación en todos os sectores económicos galegos, e proporcionarlles ás e aos profesionais da tradución e da interpretación diversas posibilidades de formación continuada non formal.

Conversamos con Iria Taibo, presidenta do colectivo, Raquel Senra, vogal de tradución literaria, e Celia Recarey e Béatrice Pépin, do grupo de traballo de tradución literaria.

Pregunta (P): Pódese vivir da tradución na Galiza?

Béatrice: home, poder, pódese. Non sei se o meu caso é o máis representativo porque son de fóra e traduzo cara a unha lingua allea cando a gran maioría de socias e compañeiras traducen cara o galego. Diría que inflúen tanto a actividade dun como a área de especialización, a experiencia, as combinacións lingüísticas, o contexto económico, o apoio institucional, etc.

Celia: eu diría que si se pode vivir da tradución na Galiza, outra cousa é vivir só da tradución ao galego. Penso que tamén está ben incidir en que vivir e traballar en Galiza como profesional da tradución non implica necesariamente traballar (só) co galego.

Béatrice: efectivamente, o noso traballo ten unha dimensión internacional e facemos de ponte. A maioría temos clientes galegos e non galegos. Isto depende tamén do noso perfil. A especialidade, as combinacións e o tipo de textos cos que traballamos e se somos ou non tradutora-intérprete xurada tamén inciden nisto. E as encomendas de galego a outra lingua tamén chegan de fóra, tanto no eido literario como para documentos administrativos pola emigración, por exemplo. Outro aspecto importante é que os tradutores tamén podemos fomentar nós mesmos a demanda e contribuírmos á expansión do galego e da cultura galega a través de traducións do alleo ou da súa tradución a outras linguas. E, se cadra, facermos que a xente se anime, o aprenda e o empregue.

(P): Cales son os labores que levades a cabo como asociación?

Iria: traballamos para a mellora das condicións laborais no mercado galego. Para isto, procuramos establecer un diálogo con todos os axentes implicados (tanto empresas como institucións e todo tipo de clientes) para que entendan o que facemos e poidan implicarse tamén cos nosos obxectivos, porque a mellora das nosas condicións de traballo ten consecuencias na calidade de moitos tipos de servizos diferentes.

Tamén traballamos no fomento da lingua galega. Para nós é unha lingua de traballo, mais a súa presenza en todos os ámbitos é moi importante en todos os sentidos, para o noso sector e para a sociedade.

Outro ámbito de traballo é o interno. Traballamos moito na formación, tanto en aspectos técnicos e mesmo tecnolóxicos, como nunha nova modalidade informal entre nós, que é moi útil e tamén serve para facer rede entre as persoas que conformamos a asociación. Ámbalas cousas na modalidade presencial e agora tamén virtual. O traballo da tradución é moi solitario, polo que esas redes son valiosísimas para axudármonos, tanto en cuestións terminolóxicas como xurídicas, etc. Mais para as persoas que fan interpretación tamén o é, pois coñecer ben a situación do sector e do mercado é imprescindíbel. Ademais, adoitan traballar en equipos de dúas persoas, polo que esta rede é de moita axuda.

A asociación tamén ten uns servizos de asesoramento profesional que son de moita utilidade.

(P): O ano pasado xurdiu una iniciativa no estado español baixo o lema #CitaAlTraductor, que pretendía dar visibilidade ao traballo das tradutoras e tradutores. Credes que a sociedade é consciente do voso labor e da súa necesidade?

Béatrice: o noso oficio non é nin moi coñecido nin moi recoñecido e, aínda que cada vez o sexa máis, moito queda por facer. A visibilidade da tradución xorde moitas veces a raíz de erros, de traducións sen sentido e ata de traducións divertidas que poden mostrar que a improvisación e a aproximación non serven: é unha arte que require verdadeiros artesáns. O debate comeza habitualmente por unha crítica a unha tradución dunha calidade insuficiente. Non está mal que se faga e é necesario, mais tamén podería ser polo valor do traballo feito e a dedicación que supón. Por exemplo, poucas veces se ten idea das horas que un tradutor pode chegar a dedicarlle a un texto para trasladalo a súa lingua. Pode considerarse sen máis como un acto de maxia que non supón esforzo ningún ou como un mero proceso no que o tradutor non é máis ca un manipulador do dicionario ou unha «máquina transformadora». Porén, a tradución é mestría. Por outra banda, é necesaria: lle abre as portas a un traballo ou a unha obra e a leva polo mundo enteiro, o que é máis visíbel no caso da tradución literaria ou audiovisual por exemplo. É dende logo un traballo real, concreto e imprescindíbel.

Raquel: iniciativas coma #CitaAlTraductor que lanzou a asociación ACE Traductores son interesantes xa que hai un gran público usuario das redes e é un espazo aberto para dar a coñecer o noso traballo e profesionais da tradución. A AGPTI fixo algo parecido para o Día do Libro, que este ano coincidiu co período de illamento, e animamos a xente a contarnos a través das redes con que tradutoras estaban na casa, empregando a etiqueta #NaCasaCoaTradutora.

(P): Que podemos facer dende a sociedade para axudar na visibilización?

Iria: o importante é sermos conscientes do traballo que implica, mais tampouco podemos pedir ás persoas individualmente que fagan o que non fan as institucións ou moitas empresas, que en ocasións prefiren contratar persoas voluntarias para facer o noso traballo, por exemplo. En todo caso, penso que somos moi conscientes de que debe ser un traballo pouco visíbel, ou invisíbel, o que non quere dicir que non se respecte.

Celia: eu penso que o tema da visibilización da profesión pasa por lembrarmos a cantidade de produtos culturais de todo tipo que nos chegan doutros países e que, polo tanto, foron orixinalmente creados noutra lingua. Todo texto que acompaña a calquera produto non producido especificamente na nosa lingua pasou, dun xeito ou doutro, por un proceso de tradución: desde os libros de autores estranxeiros que lemos na nosa lingua até os filmes e series que vemos, pasando pola etiqueta dos pantalóns que vestimos ou o manual de instrucións da lavadora na que os lavamos. De todas estas cousas, como xa se dicía na resposta anterior, a xente só adoita lembrarse de que houbo algún tipo de intervención cando se ve unha tradución mala, o que hai que lembrar e que, normalmente, cando esa tradución é mala (tan mala como para facer chistes con ela) é porque non pasou polas mans dun profesional.

(P): En que momento comeza o traballo de tradución dun libro?

Iria: moita xente pensa que é a tradutora a que decide que libro se traduce e cando, mais non é así, claro. Normalmente, cando falamos de literatura, a editora fai un traballo previo. Cando o proxecto chega á profesional da tradución, temos que poñernos a traducir.

Raquel: hai ocasións nas que tamén son as tradutoras as que fan as propostas de tradución ás editoras. É un proceso diferente e a proposta ten que ir na liña do seu catálogo. Por outra parte, tradicionalmente as tradutoras xogaron un papel importante no transvasamento de culturas xa que, antes da globalización, eran elas as que traían libros que descubrían nas viaxes ao estranxeiro ou a través do estudo doutra lingua. O proceso de tradución dun libro comeza dende o momento que unha tradutora ou editora conecta cunha obra e quere que esa historia poida ser desfrutada noutra lingua.

Celia: o máis habitual é que sexa a editorial quen decida que é o que quere traducir e busque o profesional que lle pareza máis axeitado para levar a cabo a tradución, aínda que en ocasións o proceso se invirte e a iniciativa pode xurdir do tradutor. Como ben sinala Raquel, para que iso funcione, a proposta do tradutor ten que encaixar ben coa liña editorial da editora, etc.

Despois, canto ao traballo de tradución en si, penso que cada tradutora ten o seu método, e cada proxecto as súas esixencias: hai quen se documenta moito sobre o autor, a obra, o contexto; hai quen non precisa documentarse para esa tradución concreta porque xa domina todo o relacionado coa mesma; hai quen precisa ler en profundidade o texto antes de poñerse a traducir e hai quen prefire traducir durante a primeira lectura.

(P): Moitos profesionais da tradución destacan sempre que deben estar ao día de todos os cambios das linguas e ler moito. Que consellos lles ofreceriades a unha persoa que se quere dedicar a isto da tradución?

Béatrice: ler é fundamental… Como ver cinema e series para estar ao día con respecto á oralidade e ás novas falas e xergas, ou ler contidos técnicos das nosas especialidades respectivas. A formación continuada tamén é necesaria para seguir a evolución non só da lingua e da tecnoloxía, senón tamén dos marcos institucionais e da regulamentación, dos hábitos culturais, dos contidos, etc. É importante profundizar, reciclármonos e abrir horizontes. Facer uso de tódolos medios e de tódalas artes, tamén populares. É imprescindible curiosear e saber documentarnos. Debemos de ser detectives e ter as anteniñas ben abertas para captar o que sexa e atopar solucións. Todo pode servir. Todo pode agromar nunha tradución. É abraiante! Recentemente, unha procura espectacular de información levoume a atopar unha solución para un termo grazas a unha páxina web adicada á galiña de Mos! Coas explicacións e as fotos, e seguindo un traballo comparativo con páxinas e esquemiñas en francés, atopei un xeito de trasladar a verba “temoeiras”. Como os papaventos de antes, os tradutores de antano traballaban con plumas.

(P): Na actualidade, a industria editorial galega destaca por traer obras clásicas e contemporáneas do mundo á nosa lingua. Como vedes o sistema editorial galego? Que obra botades en falta nos catálogos?

Raquel: nos últimos anos naceron moitas editoras novas e iso é sinal de que hai unha vontade de publicar. Por outra banda, o mercado actual esixe un ritmo demasiado acelerado que fai que os libros entren e saian sen sentido algún. Publícase moito, e está ben, claro, pero realmente a xente (o mercado) é capaz de consumir tal cantidade de libros? Ademais, o noso sistema ten un mercado pequeno e, se non se protexe fronte á invasión das publicacións en castelán, como por exemplo acontece cos best sellers nesta lingua que se traducen ao galego pasados uns anos, perdes o momento de que un posible lector escolla a obra en galego… Este é un só exemplo pero as modas trazan moitos camiños e hai moita xente que, para ben ou para mal, segue as modas… O malo é que hai quen non quere que o galego se poña de moda.

Faltan obras no sistema literario galego pero é certo que agora mesmo hai moitas editoras que están facendo un labor moi importante de traer á nosa lingua obras clásicas, clásicos contemporáneos e novidades interesantes. En moitas ocasións, as editoras teñen que pagar uns dereitos de autor que non se corresponden coa realidade do mercado, xa que este é pequeno. Por iso temos que traballar en conxunto todas as partes implicadas no mundo do libro para conseguir melloras que nos favorezan a todas.

Celia: o maior problema do sistema editorial galego é que é un sistema pequeno que se ve obrigado a competir polo espazo nas librarías e a atención do público cun dos sistemas editoriais máis grandes e potentes do mundo, cun ritmo demencial de rotación de novidades. O funcionamento da cadea de distribución do libro, imposto polos grandes grupos editoriais, leva a que gran parte da produción dos selos independentes (entre os que se atopan a maioría dos selos galegos) apenas teña visibilidade, ao estaren os espazos copados polas grandes editoras que producen sen cesar.

A isto hai que sumarlle as particularidades de traducir a unha lingua non normalizada. Para moita xente a vía normal de acceso á literatura estranxeira segue a ser o español, non tanto pola falta de títulos en galego, como polo prexuízo que os leva a asociar ler en galego con ler sobre Galiza. Segue a haber un comportamento diglósico, por así dicilo, polo que para algunha xente a lingua galega só serve para falar do noso e para acceder ao resto do mundo o «normal» é recorrer ao español.

Canto a obras que falten por traducir? Milleiros!!

Béatrice e Iria: cada ano a Xunta adxudica axudas á tradución para fomentar a saída tanto de libros estranxeiros trasladados ao galego como de galego a outras linguas… Algo é algo.

(P): No 2018, a asociación creou o Premio Xela Arias, que pretende precisamente reivindicar a profesión e unha das facetas máis destacadas da autora galega. Como é o procedemento de selección das persoas gañadoras e que criterios tedes en conta? Algunha pista sobre a persoa que resultará gañadora na presente edición?

Béatrice: dende a asociación, abrimos unha convocatoria para pedir á xente que propoña unha ou varias candidaturas de persoas, empresas ou entidades que fagan un labor positivo para o noso sector e que explique por que apoia tal candidatura. Nunha segunda fase, o xurado, composto pola xunta directiva e máis a gañadora da edición anterior, valora as candidaturas e toma a decisión final. O gañador ou gañadora anúnciase tantos ás socias como ao público polas nosas redes, o día 30 de setembro, Día Internacional da Tradución. A entrega do premio faise normalmente durante a feira Culturgal en Pontevedra a comezos de decembro nun acto público. Agardamos poder celebralo tamén dalgún xeito este ano.

Iria: o obxectivo do premio, como dis, é reivindicar e promover o coñecemento da nosa profesión. Polo momento, aínda estamos a recibir propostas para o premio deste ano, mais todas as que recibimos van acorde coa idea do premio: persoas e colectivos moi significativos e que teñen un importante traballo na nosa profesión.

(P): Como vedes o futuro da profesión?

Dende logo imprevisible. Se cadra máis que antes pola situación actual. Con todo, o futuro supón tamén camiñar con confianza e atopar solucións creativas. A gran maioría das profesionais son autónomas xa afeitas á incerteza e á necesidade asidua de reconfigurar a súa actividade, cando non á de reinventarse. Por sorte, demostran ter diversos perfís e aptitude e unha gran capacidade de adaptación.

Dende hai anos auspíciase a morte da profesión por culpa da tradución automática. Pode ser que iso aconteza nalgunhas especialidades e sectores onde o obxectivo principal é abaratar custos. Mais se cadra esta xeneralización non ten en conta os nichos e a necesidade aínda maior de poder contar co tradutor humano en determinados ámbitos para completar ou rectificar o traballo incompleto feito pola máquina. Fronte á diminución de calidade que iso representa, cómpre reivindicarmos unha calidade óptima e o valor engadido do factor humano, da atención, do traballo de campo, da profesionalidade.

No futuro poderían prosperar os tándems tradutor-máquina. E é verdade que a máquina pode tamén liberarnos de tarefas alienantes. O cal non está tan mal. No eido literario, resulta pouco probable que a máquina desprace o tradutor humano pola perda de matices e por esta non poder percibir e sentir aínda. Semella máis probable que haxa unha adaptación de contidos escritos a audios ou imaxes, que é unha demanda crecente por parte da sociedade. Haberá novos retos para os profesionais da tradución, interpretación e corrección e tamén outras novas saídas.

Na interpretación, a modalidade telemática xa está a abrir un novo horizonte. Unha tendencia que se viu acelerada co episodio en curso da Covid-19 e a necesidade de traballar en remoto. Supón unha gran transformación e, se cadra, tamén novas oportunidades, previa adaptación dos profesionais, claro.

“Camiñante, non hai camiño, faise o camiño ao andar”, como dicía Machado. Imos aló!

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.