«Melancoholemia», de Antón Reixa

Antón Reixa, autor de "Melancoholemia. Vida de mamarracho"

“O tempo pasa. Ás veces é o único que pasa”.

Escoitei recitar a Antón Reixa o pasado ano durante a celebración do Festival Entreverbas. Lembro que fun acompañada de meus irmáns e que eles ficaron mudos co monólogo poético que soltou Reixa diante dun público atento e con ganas de sorprenderse. Creo que alí xa falara un poco da “vida de mamarracho”, no que se basea o seu libro Melancoholemia, un proxecto literario que antes foi tamén unha obra teatral (nunha proposta dirixida por Fernando Bernués, interpretada por Pedro Brandariz e Antón Reixa, a dirección técnica de Pako de Pin, a dirección videográfica de Antonio Segade e a música de Cachopou).

Melancoholemia é difícil de explicar, tan difícil como son os libros que nos falan da dureza e da beleza da vida a partes iguais. Reixa parte das incógnitas da melancolía, mesmo da morriña, ese sentimento que fai que estrañemos o que non foi ou o que quizais sexa nos momentos máis complexos da existencia. Ideado coma un constructo híbrido, mestura de poesía, fotografía e ensaio antropolóxico, este libro atravésate por dentro, o que nel se conta forma parte de todos e todas nós. O que aquí se conta pertence ao terreo das experiencias máis íntimas e dolorosas a un tempo, para desembocar nas preocupacións colectivas que atravesan o mundo de hoxe. Reixa non oculta, pois, a súa teima polo futuro do medio ambiente, o auxe acelerado do capitalismo, o feminismo, e o cinismo de moitas das accións dos nosos días.

Percorre tamén o libro unha continua sensación de aprendizaxe, a obriga da voz narradora de ficar quebrada e ter que recompoñerse de novo, o que fai que esteamos diante dunha proposta que transmite o seu aquel de terapia. Iso obsérvase xa na propia cita de Gilles Deleuze e Félix Guattari que se inclúe ao comezo e que di:

“Un rizoma pode ser roto,

Interrompido en calquera parte,

Mais sempre recomeza

Segundo esta ou aquela das súas liñas,

E segundo outras”.

Reixa tamén posúe un humor moi negro e fai gala dun amplo coñecemento da retranca máis galega, que demostra con pequenas pílulas soltadas no medio da tristura do que conta. O que consegue así é deixar en nós unha semente agridoce e o mellor sabor das traxicomedias que, á fin e ao cabo, constitúen os cimentos da propia vida.

Ficha técnica

Título: Melancoholemia

Autor: Antón Reixa

Editorial: Kalandraka

Ano de publicación: 2020

Número de páxinas: 63

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.