Quixera comezar rememorando unha anécdota. Cando era moza, pasaba moitas tardes na biblioteca da miña vila, onde buscaba libros que levar á casa e tamén navegaba pola rede, sobre todo porque, aínda non sendo un tempo afastado, nas aldeas todo chegaba máis tarde. Un día calquera, a persoa que se encargaba deste espazo decidiu poñer orde nos estantes e desfacerse dalgúns libros repetidos ou que eran pouco interesantes para o lectorado. Non sei cal foi o criterio, pero vénme á mente como eu collín uns cantos títulos da editorial Laiovento, descoñecida durante moitos anos para min e que nestes días atopo máis necesaria ca nunca.
É emocionante como os libros chaman por min dende os estantes, así de sorpresa. Iso me aconteceu co exemplar de Literatura de resistencia, de Bárbara Harlow, que tanto atesourei dende aqueles anos mozos e que nestes días me serviu como acubillo e aprendizaxe de conceptos sobre os que xa levo moito tempo interesada pero sen profundar demasiado: existe a literatura comprometida? Está relacionada a revolución dun pobo coa súa cultura? Que é a literatura colonial e a militante?
Literatura de resistencia é un estudo interesantísimo e moi profundo, sobre todo tendo en conta os anos nos que se centrou a investigación, nos que aínda comezaban a agromar os estudos dos conceptos aquí abordados. Así, o libro é un alegato das literaturas minoritarias, daquelas que nacen vinculadas aos dereitos das persoas, a conseguir a xustiza social… de aí que se centre en moitos autores e autoras de países como Sudáfrica, Palestina, El Salvador etc.
Penso que ler este libro supón unha revolución, un paso adiante, o considerar que para coñecer a identidade dos pobos hai que escoitar as voces que xermolan deles, afastadas das ideas imperiais, do colonialismo destrutor e unificador. Estas ideas cómpre reivindicalas cada vez máis, tal e como fai a escritora nixeriana Chimamanda Ngozi Adichie no seu libro O perigo da historia única. Tamén o seu compatriota Chinua Achebe defende que, tal e como se recolle no limiar de Literatura de resistencia, “os recursos retóricos da linguaxe, xuntamente coa loita armada, son esenciais para a resistencia dos pobos oprimidos contra a dominación e a opresión e para os movementos de liberación organizados”.
Estamos, pois, diante dun ensaio de lectura obrigada, imprescindible, que indaga nos obxectivos da literatura, na súa capacidade para xerar debate e ofrecer solucións, para poñer no foco as realidade sociais e, para cambiar o mundo? Un libro moi suxestivo, de lectura demorada e con citas que cómpre lembrar sempre.
Podería escoller moitísimas citas deste libro, mais creo que o poema do escritor caboverdiano Onésimo Silveira describe á perfección o que debería ser a literatura de resistencia:
“A xente das illas precisa un poema diferente / para a xente das illas. / Un poema sen exiliados que se laien / no sosego da súa existencia; / Un poema sen nenos alimentados / de leite negro dun tempo malogrado. / Un poema sen nais que contemplen / a visión dos seus fillos, orfos de nai… / Un poema sen palabras oprimidas / polos tormentos do silencio”.
Ficha técnica
Título: Literatura de resistencia
Autora: Bárbara Harlow
Traducción: Xoán Vila Penedo
Editorial: Laiovento
Ano de publicación: 1993
Número de páxinas: 271