Narrativa e imaxinario nacional na reconstrución do campo literario de posguerra (1935-1966)

O escritor e crítico Mario Regueira

Hai libros que piden unha lectura lenta, demorada, que potencie a asimilación de conceptos e que incluso os grave na memoria para sempre. Dende que me dedico a isto de comentar e analizar libros, dende a miña faceta totalmente afeccionada, gústame moito determe en publicacións que profundan en diversos aspectos da literatura. Por iso me mostro fondamente agradecida a Mario Regueira, quen vén de publicar Narrativa e imaxinaio nacional na reconstrución do campo literario de posguerra (1935-1966), un ensaio fondamente documentado que parte da tese de doutoramento do propio autor, e que nos permitirá achegarnos á literatura que naqueles anos marcaron a identidade galega, dende o punto de vista social e tamén político.

O ensaio de Mario Regueira pescuda, dende criterios filolóxicos e historiográficos, na realidade galega e como esta se foi construindo a través dos libros e dos proxectos culturais daqueles anos, no marco da ditadura franquista, que pouco permitía. Aínda que o crítico literario percorre e analiza as principais iniciativas editoriais daqueles anos, o certo é que se centra na editorial Galaxia que, por certo, este ano celebra o setenta aniversario da súa creación. No libro analízanse os primeiros pasos da editora, os fundadores e principais autores, e as liñas de publicación. Neste senso, cabe destacar que, como indica Mario Regueira, a editora naceu cun afán de construír unha identidade galeguista, aínda que nos primeiros anos as publicacións tiñan un marcado carácter simbólico con temáticas apegadas ao rural e consideradas pouco incómodas co réxime. Pouquiño a pouco, e non sen certos debates, a editora vaise abrindo a outras temáticas, e neses anos 50 e 60 eclosiona a coñecida como Nova Narrativa Galega, con autores como Camilo Gonsar, Xosé Luís Méndez Ferrín, ou Carlos Casares. O libro analiza moi polo miúdo toda esta época, e tamén deixa espazo para a visión dende o xénero e a crítica literaria, amais dos autores do exilio americano.

Estamos, pois, diante dun libro de moito interese para o público interesado na análise literaria e de fondo, e que ofrece moitísima bibliografía e notas coas que se poderían abrir múltiples lecturas. Un libro, sen dúbida, para aprender e revisar cada certo tempo. Hoxe máis ca nunca precisamos pensamentos e análises demoradas.

Especialmente interesante me parece a reflexión do autor arredor do xénero naqueles primeiros anos da editora:

“Habería que destacar que, aínda mantendo unha actitude aparentemente inclusiva, a dirección de Galaxia non incorpora ningunha muller entre o seu equipo durante todos estes anos e que a presenza destas será escasa, tanto nas revistas como na produción da editorial […] Resulta evidente que dentro das intencións de Galaxia non está conceder un tipo de voz ás mulleres que lles permitise representarse a si mesmas nos mesmos xéneros ‘masculinos’ que recolleran na virilización cultural galega acometida durante o primeiro terzo do século. Neste sentido, é evidente que o papel das mulleres é como creadoras e máis concretamente, creadoras de poesía, dunha forma que puidese evocar o legado de Rosalía de Castro á cultura galega, algo presente dende a propia sección de ‘Poemas a Rosalía que abre o primeiro número de Grial e onde indirectamente se sinala a Xohana Torres como a única muller continuadora do legado rosaliano”.

Ficha técnica

Título: Narrativa e imaxinario nacional na reconstrución do campo literario de posguerra (1936-1966)

Autor: Mario Regueira

Editorial: Xerais

Ano de publicación: 2020

Número de páxinas: 351

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.