A cultura necesaria e reivindicativa: dez documentais recomendados

A cultura sálvame a diario. É como unha forza viva da que necesito botar man a miúdo, sobre todo porque este mundo que habitamos perde ás veces o seu senso de xustiza. Supoño que será esta unha visión moi poética e quizais utópica, máis gústame pensar que algo disto acontece tamén nestes días raros, nos que todas reflexionamos sobre a forma na que concibimos a vida.

Daqueles anos da infancia lembro o esforzo por saber que tanto e tan ben me contaxiaron os meus avós. As persoas que nos precederon posúen unha intelixencia natural e de pura supervivencia, o que para min xa as fai dignas de seren lembradas. Un pouco de toda esta sabedoría recala en min durante este confinamento domiciliario, cando volvo reclamar a importancia da cultura e a enxalzar, se cadra máis, o seu valor como patrimonio da humanidade.

O artigo que hoxe vos presento pretende recoller algúns documentais interesantes que vin nestas últimas semanas. O nexo de unión entre todos eles é a súa capacidade para falar das cousas que non caducan e da necesidade dos sentimentos, das propias orixes e das loitas. Velaí van:

– A palabra xusta é un documental de Miguel Piñeiro excelente, poético, no que a memoria ten un valor esencial. As verbas da mestra Antía Cal funcionan como catalizadoras dunhas imaxes que nos levan dende o seu Muras natal ata a súa experiencia como mestra en Vigo cando fundou a súa propia escola. Podedes velo aquí.

Documental ‘A palabra xusta’, sobre a mestra Antía Cal

Fíos fóra, promovido por Illa Bufarda, pon o foco nas mulleres que traballaron no sector téxtil dende os anos 60 e que axudaron a erguer a industria xigante que agora se atopa deslocalizada. Xunto ás declaracións delas aparecen as de varios homes que estaban naqueles anos nas cotas de poder. Unha proposta que visibiliza os traballos de moitas mulleres e afonda en conceptos como a fenda salarial ou o teito de cristal. Podedes velo dende aquí.

Fóra Ence, de Rodrigo Cota, recolle a historia da loita veciñal e social contra a fábrica pasteira Ence, situada na ría de Pontevedra. Foi emotivo coñecer estas historias persoais, detrás das que se agochan reivindicacións moi potentes e necesarias, e que cómpre que teñamos moi en conta hoxe en día. Un documento histórico imprescindible, que tedes a oportunidade de ver aquí.

Vértice de versos, de Carlos Lorenzo Pérez, indaga na poesía galega actual, a través da visión de diversos autroes e autoras que demostran a boa saúde das nosas letras. Atopamos declaracións de Emma Pedreira, Ismael Ramos, Rosalía Fernández Rial, Oriana Méndez, Fernán Vello, María Lado, e moitísimas voces máis. Se queredes velo atoparédelo aquí.

Cesteando, de Plácido Romero, toma a vida de Toño Cesteiro para reflexionar sobre as formas tradicionais da cultura e a necesidade de capturar as nosas orixes. Unha proposta que me emociona moitísimo, sobre todo porque a miúdo penso na necesidade que temos de volver atrás, a eses modos de vida máis sosegados e con tempo para dedicar ao que verdadeiramente merece a pena. Podedes velo aquí.

Documental ‘En deuda con todas’

Fóra do continente, de Nico Millán, é unha curtametraxe documental que captura a esencia e as vivencias das persoas que habitan a Illa de Ons. Un filme que nos ensina o valor das persoas maiores, da súa fortaleza e da loita incesante, do esforzo. Anímovos a vela aquí.

En deuda con todas, de Agareso, ten como obxectivos chamar a atención sobre a vulneración de dereitos que sofren as mulleres salvadoreñas e contribuír, así, á loita dos colectivos feministas que -dentro do país centroamericano- esixen unha lexislación que non vulnere os Dereitos Humanos da metade da poboación e que se garanta o acceso a unha saúde sexual e reprodutiva libre de prexuízos ideolóxicos. Unha proposta, por desgraza, de fervente actualidade. Podedes acceder a ela aquí.

12 leiras, realizado por Xosé Bocixas e Xabier Maceiras, fía as lembranzas de mulleres e homes que teñen na memoria as expropiacións para a construción do Polígono de Sabón, en Arteixo (A Coruña), que cambiou por completo a fisionomía de moitos lugares como Rañobre, O Rexedoiro, Oseiro, O Seixedo, A Groufa, Sabón, A Pedreira, O Rañal, Figueiroa, O Potro, Caldas, O Cruce ou a vila de Arteixo.  Podedes velo aquí.

– A luz do negro,  documental do Consello da Cultura Galega e dirixido por Encarna Otero, defínese como un audiovisual no que se dan forma ao rexistro de gravacións, para o Arquivo Sonoro de Galicia, das experiencias das mulleres que traballaron na minaría no ámbito de Fontao (Vila de Cruces) durante a posguerra. Podedes velo aquí.

– Matria é unha curtametraxe dirixida por Álvaro Gago. Nela cóntase a vida de Ramona, unha muller que vive cun marido co que apenas se comunica, e traballa nunha fábrica de conservas gobernada por unha encargada tirana. Ante os desafíos que lle presenta a súa rutina diaria, Ramona trata de refuxiarse na relación que a une á súa filla e á súa neta. Un filme que reflicte a realidade de moitas mulleres e que podedes ver aquí.

Fotograma de ‘Matria’ de Álvaro Gago

 

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.