“Pero, querido, os homes coma ti e coma Marcus non traballades para as mulleres, senón para vós mesmos… Si, si –insistiu-, no dondo os negocios son una especie de vicio, como a morfina. Ti, se non tiveses os negocios, serías o home máis infeliz do mundo, meu pequerrecho…”.
Quen fala é Gloria, a muller do vello David Golder, un xudeu que nos anos vinte do século pasado vive a súa ruína e tenta, por última vez, facer fronte a unha operación financeira arriscada coa ilusión de recuperar a súa familia e, quizais, un pouquiño da vida anterior. Irène Némirovsky é a autora desta novela titulada David Golder, e que agora trae ao galego a editorial Irmás Cartoné na tradución de Celia Recarey Rendo. Publicada por primeira vez no 1929, a novela ten claras concomitancias coa biografía da autora francesa, sobre todo porque o seu pai pode identificarse plenamente co banqueiro Golder, e a súa nai estaría reflectida en Gloria.
David Golder é unha novela apaixonante e de plena actualidade que nos fala do poder que ten o diñeiro para cambiar as persoas e influír na súa felicidade ou infelicidade. Este tema, un dos máis recorrentes da obra de Némirovsky, lévanos a trazar unha reflexión de cheo sobre a amizade e o amor, e o moito que estes sentimentos se ven influenciados polos cartos. Lendo esta historia temos a sensación de que coñecemos a Golder, de que estamos rodeadas de moitas persoas así, que cren que o diñeiro lles dará a oportunidade de seren máis felices ou, como mínimo, de conseguiren o tempo doutras persoas. Precisamente, a autora pon en contradición estas dúas realidades para falarnos tamén do cinismo que acompaña ao ser humano, e que tanto se daba na época que lle tocou vivir como na actual.
Este banqueiro arruinado transmite moita tenrura ao lector, que descobre a súa existencia triste, pois os cartos que o mantiveron no máis alto durante un tempo son os que botan abaixo os alicerces dunha vida baleira e sen afectos sinceros. Foi o diñeiro o que permitiu que a falsidade das persoas o rodease, pero unha vez que se esvaeceu o poder financeiro, todo se foi coma o vento, e Golder queda só.
Este relato, no que os diálogos teñen moita forza, eríxese coma unha das grandes narracións que reflexionan sobre esas dúas partes do seu humano, a corpórea e a incorpórea, a do corpo e a alma. Quizais, e debido ao tema que trata, nunca pasará de moda, e pode ser perfectamente comprendida por lectores actuais, sobre todo porque nos tocan vivir tempos nos que moitas persoas volven construír unha vida falsa que, tarde ou cedo, desaparecerá coma un castelo na area. Unha realidade que, sobra dicir, moitas veces remata na soidade máis brutal.
“Non o podo ver… nunca me entendeu, nunca me amou… Diñeiro, sempre diñeiro… Como unha especie de máquina… sen corazón, sen sentido, nada… Deiteime, durmín con el durante anos, sempre foi como é agora: duro, xélido… O diñeiro, os negocios… Nunca un sorriso, un aloumiño… Berros, escenas… Ai!, non fun feliz…”
Ficha técnica
Autora Irène Némirovsky
Tradución: Celia Recarey Rendo
Editorial: Irmás Cartoné
Ano de publicación: 2019
Número de páxinas: 227