Nos tempos que corren, o libro é concibido cada vez máis coma un obxecto, no que conta moito a edición e os elementos que acompañan a letra. A literatura tórnase, pois, nunha obra de arte que incrementa o seu potencial, impoñéndose o libro en papel perante o dixital, pois as potencialidades dun e doutro son moi diversas e para públicos diferentes.
irmá paxaro é un dos primeiros títulos da recentemente creada editorial Cuarto de inverno e cumpre á perfección coas características dun libro-obxecto, pois os poemas de Tamara Andrés son acompañados das potentes ilustracións de María Montes e dunha coidada edición. Mais deixando a un lado as características formais, este libro reflexiona sobre o antes e o despois dunha relación entre dúas irmás que compartiron experiencias na infancia e que pouco a pouco van ficando á intemperie. Podería ser o relato de calquera de nós, pois a infancia sempre adoita ser territorio compartido e o paso á idade adulta semella facer estourar todo. Tamara Andrés escribe neste poemario, que quedou finalista do I Premio María Victoria Moreno, sobre a vida e o pasado, cuns versos ateigados de sinceridade e de certo aire nostálxico.
Di a autora nun dos primeiros poemas que “as nenas nunca saben / que o golpe máis duro / é / o tempo”. É certo que todo se esboroa cando tomamos conciencia do tempo e do que este simboliza, pois mentres somos cativas, soamente atesouramos vivencias sen saber que estas han ter un gran peso nas nosas vidas.
Eu, que teño tres irmáns varóns, reflexiono xunto á autora sobre os terreos comúns, sobre a infancia e os seus ocos, sobre a concepción do tempo e sobre o moito que os días duraban cando os compartiamos cos avós e as vacas. A voz poética do poemario lembra o que facía coa irmá para ocupar as tardes:
“trenzabamos as tardes
tras a fiestra do salón
do outro lado da cortina
todos corrían sen saber
que se dirixían
directos
cara ao impacto”.
En que momento se torcen as relacións e deixamos de ser pequenas para preocuparnos polo que dirán e polo noso físico. A temida adolescencia actúa como un período de tránsito entre a idade infantil e a adulta. Entre ese lugar e non-lugar sitúanse estes versos que indagan sobre o momento exacto da perda de complicidade, e tamén sobre a finitude do tempo. Así mesmo, nos poemas atópanse referencias ao mundo rural, un mundo ateigado de felicidade e de liberdade, e do que eu gozo cada día. En definitiva, irmá paxaro é un poemario cunha voz moi actual, que recolle experiencias do pasado para repensar o presente. Encantoume!
Ficha técnica
Autora: Tamara Andrés
Editorial: Cuarto de inverno
Ano de publicación: 2019
Número de páxinas: 75