Montse Fajardo vén de publicar "Invisibles. Relatos do maltrato"
Montse Fajardo vén de publicar “Invisibles. Relatos do maltrato”

Os libros doen, e máis sabendo que o que se agocha tras deles non é ningunha ficción, senón que parte da máis cruenta realidade. Libros que doen, que fan que se nos formen escamas na pel, que nos empuxan a tomar conciencia de que non vivimos nun mundo tan avanzado como podíamos crer. Hai libros así, e Montse Fajardo escríbeos.

Co gallo da recente conmemoración do 25 de novembro, Día de Eliminación da Violencia Contra a Muller, a xornalista Montse Fajardo, co apoio do Concello de Pontevedra, decidiu recoller por escrito as historias de sete mulleres que sufriron o maltrato en cada una das súas vertentes, non só na física. Algunhas destas mulleres viviron para contalo, outras non. Pero tanto a elas como ás súas familias, vaia o meu máis fondo agradecemento. Tamén para Montse, por atreverse a contar o que ninguén quere escoitar. Que as mulleres aínda somos maltratadas, e que a violencia pode darse de moitas formas, aínda semellando ser invisible.

O libro leva por título Invisibles. Relatos do maltrato, un título sen dúbida revelador, pois invisibles semellan ser aquelas formas de violencia que non entrañan golpes nin sangue. As historias de Eva, Mariluz, Tina, Ana, Irene, Marga e Begoña  son contadas a través de pequenos fragmentos que ben poderían servir para falar da violencia que se exerce sobre as mulleres. Coas súas vivencias, das que a autora dá boa conta, iremos transitando por todas e cada un ha das formas que ten a violencia contra as mulleres, que parte do machismo que aínda pervive nas nosas sociedades, malia que algúns se empeñen en ocúltalo.

O libro é un testemuño, é un exercicio do xornalismo máis puro pois recolle as voces dos feitos, neste caso as das mulleres vítimas ou a das súas familias, para reconstruír un tratado que ben podería ser una denuncia contra todo un sistema policial e legal que a día de hoxe demostrou non ser quen funcionar. Ao traverso das voces destas mulleres vanse poñendo ao descuberto os fracasos deste sistema. Quen explica que cando hai una denuncia de maltrato, o pai teña o dereito de levar os fillos en custodia compartida? Quen explica que non se faga caso dunha muller que denuncia maltrato se non é con probas de violencia física? Acaso a denigración e o machismo non son formas de minimizar as mulleres? Quen se atreve defender que apenas existan xuíces especializados na violencia contra a muller?

Invisibles é un libro moi necesario, un libro que combina o xornalismo coa denuncia, coa busca da memoria e coa denuncia dunha realidade social que aínda está moi lonxe de resolverse. Solucións? Quizais a máis efectiva sexa a do cambio de conciencia dende abaixo, dende os máis cativos e cativas que poden ver desde a educación que as mulleres son iguais que os homes, tanto en dereito como en deberes.

Parabéns a Montse por atreverse a sacar da invisibilidade as historias destas mulleres que, aínda só sendo una pequena parte do machismo, xa nunca serán invisibles. Un exercicio de valentía o de escribir estas historias, e o das mulleres e familias por ousar contalas, por non ter medo de nomear aos culpables, e por axudarnos a tomar conciencia. Oxalá este libro nos levase a actuar.

Ficha técnica

Título: Invisibles. Relatos do maltrato

Autora: Montse Fajardo

Ano de publicación: 2017

Editorial: Edición Matriarcas

Número de páxinas: 226