Na actualidade están xurdindo un monte de iniciativas que mesturan dúas ou máis disciplinas artísticas, baixo as que subxace a idea de que a arte é un todo único e que se pode chegar ao terreo das emocións desde moitas ópticas. Moito disto comparte Literaria, un proxecto musical e literario creado a través dunha campaña de crowdfunding polo músico e escritor Miguel Alonso hai xustamente tres anos cando participaba en actividades organizadas pola Porta Verde do Sétimo Andar. Como el mesmo conta, habitualmente escribe os textos de todas as súas cancións, pero pareceulle interesante musicar algúns poemas. Desa paixón xorde Literaria, concibida coma un disco e un espectáculo en directo, con temas baseados en textos de poetas galeg@s actuais, como Marta Dacosta, Xosé Iglesias, Xavier Frías, Miguel Alonso Diz, Iolanda Aldrei, María José Fernández, Toño Núñez, Ramiro Vidal e María Castelo.
A música outorga unha nova forma de entender o poema, outros significados agochados tras dos sons da guitarra, e por iso o proxecto resulta inmensamente interesante. Como todos sabemos, a maridaxe entre música e literatura vén de hai tempo, e ao longo da historia foron moitos os cantautores que tomaron a palabra escrita como base para provocar emocións.
Lobos de mar, letra de Xosé Iglesias.