Na consecución da igualdade entre homes e mulleres o piar básico é a educación e o cambio desde abaixo, é dicir, coas novas xeracións do presente e do futuro. Nesta tarefa na que os centros educativos e as familias traballan man a man, xorden iniciativas moi interesantes que ofrecen a posibilidade de que as nenas e os nenos conten con espellos nos que mirarse. Publicacións como as das Mulleres Bravas da nosa historia, de Urco Editora, fan que os estereotipos e os roles de xénero vaian pouco a pouco erradicados e que se defenda a idea de que cadaquén debe ser quen queira ser, sen barreiras e sen distincións de xénero.
Pepa a Loba é a quinta proposta da colección de Mulleres Bravas e está escrita por Ledicia Costas coas fantásticas ilustracións de Eva Agra. Ao igual que nos anteriores títulos (Rosalía de Castro, María Victoria Moreno, Maruja Mallo e Xulia Mingullón), a idea é darnos a coñecer de xeito moi resumido e adaptado ás máis pequenas e pequenos a figura de Pepa a Loba, na que hai unha parte de realidade e outra de mito popular.
“Chámome Xela e de maior non quero ser médica, nin tampouco enxeñeira nin avogada. Nin sequera pilota de avións, que é algo bastante atractivo para una nena. Nada diso. Eu de maior quero ser bandoleira, e punto. Xa o teño decidido e non penso mudar de opinión”.
Sen dúbida, o que máis valoro destas iniciativas é que están concibidas para cambiar o mundo desde a base, porque a gran revolución só será posible se modificamos os comportamentos machistas e inculcamos xa nas primeiras idades que ninguén debería renunciar aos seus soños por ser muller ou home. Temos que acadar, pois, que todos e todas contemos con espellos nos que vernos reflectidos. Por iso, benvidas sexan propostas como as de Urco, Lela Edicións, a colección feminismos de Galaxia, as Pioneiras de Xerais…
Estes libros son idóneos para traballar a igualdade nas aulas, pero tamén para que os adultos coñezamos a figuras que, por diversas cuestións, antes nos eran descoñecidas. Ademais a combinación entre texto e ilustracións fan deles unha marabillosa e necesaria obra de arte. Que outros títulos nos reservará Urco Editora nesta colección?
Ficha técnica
Título: Pepa a Loba (Mulleres Bravas da nosa historia 5)
Autora: Ledicia Costas
Ilustracións: Eva Agra
Editorial: Urco
Ano de publicación: 2018
Número de páxinas: 36