A nena do abrigo de astracán

Susana é unha nena á que lle encanta ver películas e comentalas coa súa madriña. Ambas viven nunha vila galega chama Ribadaínsua neses anos duros da posguerra española, cando as persoas estaban separadas en bandos opostos. Ela, unha meniña que queda orfa, chega un día a ese lugar para vivir coa súa madriña, unha muller que agocha as súas ideas franquistas e que distingue a miúdo entre clases baixas e poderosas. Ese fío invisible que se opón entre as dúas é o mesmo que separa aos veciños e veciñas desta vila que, aínda que inexistente, con moitos trasuntos na realidade galega daqueles anos difíciles. Foron as últimas palabras literarias do novelista Xabier P. Docampo quen, pouco tempo despois de escribir A nena do abrigo de astracán, deixounos orfos.

Esta novela, merecedora do Premio da Crítica neste 2018, percorre as distintas circunstancias da opresión, a diversidade de persoas que sobreviven neses anos e que centran as súas enerxías en cometidos banais nos que agochan uns desexos impostos de vinganza, como cando se lle planta lume á vivenda dunha muller á que toda a veciñanza cre bruxa, ou cando un home se aforca nun castiñeiro porque non se sente seguro pola súa sexualidade etc. As personaxes que atopamos aquí son vítimas desa opresión silenciada, e todas elas representan a unha nación que dende aquela foi obrigada a ficar calada, a non falar sobre o sufrimento nin sobre cuestións que era mellor enterrar e non desvelar xamais. Ao redor delas, o autor vai falando tamén dos verdugos, dos que creron no sistema e asolagaron as ilusións e vidas dos seus veciños e veciñas.

Xabier P. Docampo volve indagar na parte máis infantil e inocente das persoas co fin de empuxarnos á reflexión máis cruenta sobre unha historia da que aínda nos quedan moitas lembranzas que rescatar do esquecemento. En Susana atopamos esa descuberta da idade adulta, na que a inocencia deixa paso, de forma obrigada, á face máis amarga da realidade. Precisamente, ese camiño de coñecemento reflíctese á perfección nesa forma que a nena adopta para falarlle á madriña das películas que cada domingo ve no cinema da vila. Ela, consciente cada vez máis de que os dous mundos están moi separados, decide ir modificando os filmes para que a madriña non lle prohiba velos por tratar certas cuestións problemáticas ou opostas ao sistema. Unha idea por certo, a do cinema, moi potente, xa que a través das diferentes películas, vaise tecendo un fío condutor moi interesante, que nos leva a coñecer de preto a influencia do cinema na transmisión de determinadas ideas, e máis cando antes de cada filme se pasaba a emisión do NODO.

Esta vila é pequena, coñecemos todos a historia de todos. Aquí ás caladas pasaron cousas terríbeis, como en tantos sitios, pero sempre se viviu coma se non pasase nada. Todos calaron, mesmo os que sufriron calaron tamén. Era coma se un trebón nos pillase a todos no medio do monte, sen lugar onde agocharnos e todos nos fomos enchoupando, pero da chuvia ninguén ten culpa”.

Ficha técnica

Título: A nena do abrigo de astracán

Autor: Xabier P. Docampo

Editorial: Xerais

Ano de publicación: 2017

Número de páxinas: 400

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

Un comentario sobre “A nena do abrigo de astracán

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.