A editorial Urco, da man de Andrea Jamardo, levou a cabo durante este 2018 unha recuperación de varios dos textos inéditos de María Victoria Moreno, a autora homenaxeada polas Letras Galegas, recoñecida sobre todo pola súa labor por ser unha precursora da literatura infanto-xuvenil e por escribir e falar en galego malia ter nacido fóra da nosa comunidade, concretamente en Cáceres.
A última destas recuperacións é a do conto titulado As cinco castes, que nos chega coas coidadas ilustracións de Lidia Cao e que foi posible grazas ao bo facer da familia da autora e ao atento traballo de Xavier Senín, íntimo amigo de María Victoria, segundo recoñecen desde a editorial.
As cinco castes é un conto infantil ata agro inédito co que poderemos explicar o funcionamento do mundo aos máis cativos e cativas. Nel conviven a caste dos paxariños, a dos bichos, a dos animais, a dos nós e a dos amos, e todas elas diferéncianse por unha forma de actuar tanto entre si como co propio medio que habitan. A través do que nos conta a autora non descubriremos nada novo, tan só poñeremos a ollada noutra forma de concibir o noso mundo e o papel que temos nel como persoas.
“Os amos son esa man traizoeira que vai amolando por onde pasa… Esa man que mata os animais para comelos… Esa man que lles rouba a pel aos seres máis fermosos… Esa man que, só por antollo, lles corta o rabo aos nós… Esa man -ai, aai, aaai- é a man dos amos”.
Se vos dades conta, no parágrafo anterior podemos observar o principal trazo da literatura da autora homenaxeada: a súa preocupación incesante polos seres máis débiles e a concepción da literatura como unha proposta fortemente reivindicativa e social, a través da que poñer o foco sobre as inxustizas do mundo para tentar contribuír na busca dunha solución. Sen dúbida, As cinco castes cumpre con todas as características para ser unha fábula sobre a humanidade, e aí radica o seu poder: na orixinalidade do tratamento dun tema tan universal como é o mundo e os seres que nel habitan.
Ficha técnica
Autora: María Victoria Moreno
Ilustracións: Lidia Cao
Ano de publicación: 2018
Número de páxinas: 39