Na actualidade, co xerme do feminismo xa ben plantado, están publicándose unha gran cantidade de libros que nos empurran a reflexionar sobre unha das demandas máis férreas deste movemento: o dereito da muller a decidir sobre a maternidade. Lina Meruane é unha gran militante da idea das mulleres libres, e no seu libro Contra los hijos fala precisamente das moitas cousas que as mulleres debemos aguantar da sociedade que sempre está agardando a nosa decisión de ser nais. Mais, pode pasar que non queiramos selo e non por iso ser unhas ogras. O debate está servido, e aínda queda moito que facer neste terreo, polo tanto nunca son de máis todas as propostas que nos axuden a avanzar neste senso.
Na mesma liña atopamos Maternidade fóra de catálogo de Marga Tojo, unha xornalista e escritora galega que desempeñou a súa labor en diversos medios tanto da Galiza como do conxunto do estado español. Por esta faceta súa é pola que este ensaio se atopa moi próximo ao xornalismo narrativo, e no que a autora, amais de analizar e buscar as causas dos feitos, busca sempre a labor social e crítica. Iso observámolo, por exemplo, cando reflexiona sobre o dereito a decidir que deberiamos ter as mulleres a ser ou non nais, pero tamén deixa moi patentes as dificultades ás que nos enfrontamos no caso de selo: ausencia de políticas sociais e de axudas para a familia, a imposibilidade dunha conciliación real, a precariedade laboral, a explotación laboral, a negación do gozo e da paixón.
A autora sabe moi ben do que fala, dado que o libro se desenvolve durante o asentamento en Madrid da autora e maila súa filla acabada de nacer. E, aínda que non fai unha crítica feroz ao feito de ser nai, si cuestiona todo o que a sociedade nos inflúe. A través de moitas anécdotas persoais, Tojo cuestiona toda esa literatura que rodea o embarazo e que defende esa idea de que “os soños sexuais son máis frecuentes ao principio do embarazo, despois serán soños de familia”. E é que o que realmente están perpetuando este tipo de libros é que as mulleres debemos deixar toda a nosa vida de lado cando somos nais. Por iso, Maternidade fóra de catálogo non supón negación pero foxe de tópicos e lévanos á decisión crítica.
Debemos decidir por nós mesmas, pero que acontece cando somos nais? Esta tamén é unha pregunta á que a autora tenta solucionar, cando nos fala do pouco adaptadas que están as cidades e vilas, que deberían responder ao traballo dos coidados, comunitario, político e ao tempo propio e de lecer. Ou tamén da “carga mental” que debemos soportar as mulleres cando as súas parellas se desentenden das tarefas domésticas e despois se escusan coa expresión “puidéchesmo pedir”. Ou das dificultades que se atopan á hora de educar en igualdade, e ver que os xoguetes e anuncios sexistas pululan por todos os recunchos.
“Por que debe unha traballadora dar explicacións sobre se é ou será nai, sobre se terá relacións ou non ese mes sen protección? Porque a conciliación non existe. Cantas entrevistas de traballo baixo eses parámetros irregulares non chegan á luz pública?”.
Ficha técnica
Título: Maternidade fóra de catálogo
Autora: Marga Tojo
Editorial: Xerais
Ano de publicación: 2018
Número de páxinas: 189