Confeso que, en ocasións, sinto certo medo ante os libros de poesía. Unha sensación que nace froito dun mundo que tende a camuflar os sentimentos e a trasladarnos a idea de que o ser humano debe ser un animal racional, e poucas veces sentimental. E, en contra desta idea, a poesía supón un exercicio de indagación no noso interior, que se pode mesturar cunha reflexión sobre certos aspectos sociais. Iso, asociado a que dende ben cativa me fixeron sentir que os “quérotes” e as apertas non había que deixalas aflorar, e moito menos en público.
Por sorte, a día de hoxe vou coñecendo a poetas que me van axudando a ver que a poesía é a mellor canle para expresar sentimentos mais tamén como fórmula de protesta ante as inxustizas do mundo. Isto é precisamente As cinzas de Pasolini, un pequeno poemario (en extensión, que non en calidade) do bueués Xosé M. Millán Otero, que mestura os grandes temas da vida, como son o amor ou a morte, ademais do paso do tempo, con esa parte de compromiso social, e ata de exploración artística, a través do diálogo establecido co cineasta Pasolini e con Gramsci.
É un poemario triste, un pouco pesimista nalgunhas ocasións, como o mesmo autor recoñecía na presentación do libro na súa vila natal, e no que afloran grandes homenaxes a personaxes que elixiron o suicidio como forma de rematar coa súa vida, como Walter Benjamin, Cesare Pavese, Paul Celard, Leopoldo María Panero ou a miña querida Alejandra Pizarnik. A través destes obituarios, con certas claves humorísticas, imos reflexionando sobre a morte e o paso do tempo, tarefa que non é doada, aínda que sexan os grandes temas de todos os tempos.
Establecín con Xosé Manuel unha conversa profunda, lin os seus poemas nunha noite na que me apetecía lembrar a miña avoa, esa figura que sempre acompañou a miña infancia e que perdín fai agora dous anos. Ela fíxose sentir cando descubría o poema de “Morrer en domingo”, pois, malia que non morreu en domingo, si que me fixo sentir por primeira vez que era preciso “finxir que a vida segue só porque a vida segue” (versos roubados a Xosé Manuel).
Grazas a libros coma estes vou facendo camiño, un camiño no que o medo se vai apartando e afloran sentimentos que sempre estiveron agochados. Porque, si, a poesía é unha arma cargada de futuro.
Ficha técnica
Autor: Xosé M. Millán Otero
Editorial: Toxosoutos
Ano de publicación: 2018
Número de páxinas: 77