Entrevista Antonio M. Fraga: “A literatura salvoume a vida porque lle deu o sentido do que antes carecía”

Antonio M. Fraga, recentemente galardoado co Premio da Crítica de Galicia

Vén de gañar o Premio da Crítica con Querido H.P. Lovecraft, e xa se fixera antes co Premio Merlín de Literatura Fantástica. Antonio M. Fraga dedícase dende o 2011 á escritura infanto – xuvenil e fai pouco iniciouse na de adultos, precisamente coa obra epistolar a Lovecraft, o que lle serviu un brillante inicio louvado pola crítica e que aplanou o camiño para A virxe das areas. Naceu en Pontedeume, concretamente nunha pequena vila coñecida como o Lugar do Sapo, nome co que tamén bautizou ao seu blog, onde verte as súas reflexións a respecto de diversos temas e vivencias. Porque, quizais, o mellor da vida sempre acontece neses espazos onde un pasa os seus primeiros anos de vida.

Pregunta (P): Por que escribir unha carta a H.P. Lovecraft e non a outro escritor?

Todo partiu da casualidade. Eu estaba a me documentar sobre escritores que se suicidaran para un libro de relatos que nunca cheguei a escribir. Foi procurando información para ese proxecto cando batín coa historia de Robert E. Howard. Pensei naquel intre que a morte de Howard tiña elementos dabondo para conformar os alicerces dunha novela, que –por suposto –tiña que encadrarse dentro terror cósmico instaurado por Lovecraft. Despois, á hora de conformar a novela, pensei que botar man do xénero epistolar podería ser unha boa solución para lle dar ao texto ese aspecto de confesión que procuraba.

(P): Que supuxo para ti gañar o Premio da Crítica con Querido H.P. Lovecraft?

Pois supuxo, ante todo, unha enorme sorpresa, xa que sigo a considerarme un aprendiz deste oficio. Se cadra sempre me vou sentir así. Despois, porque era un libro que eu cría amortizado, por dicilo dalgún xeito. O texto xa gañara o premio Antón Risco, comercialmente funcionara ben, tivera boas críticas, traducírase ao español, etc. Non imaxinaba que, ademais, fose acadar este galardón. Cando me comunicaron que era finalista, considerei que aquilo xa era un premio. E non o digo por dicir. Á fin, tomo esta distinción como unha mostra de agarimo por parte da profesión, tanto a min como a Urco Editora, e iso é bonito.

(P): A túa vida repártese entre a enxeñería técnica industrial e a escritura, é así?

Parafraseando a Castelao, podería dicir que me fixen enxeñeiro por amor aos meus pais, mais non exerzo por amor á humanidade. Levo xa uns cantos anos sen traballar na enxeñería. A miña xornada laboral divídese entre as  mañás, que dedico á escrita, e as tardes, nas que dou aulas de ciencias en Barco de papel, un centro de estudos que abrimos o meu socio Afonso e mais eu hai case dous anos.

(P): Como prende en ti a chama da literatura? Cando decides que queres escribir?

A través da lectura. Supoño que a necesidade de non ser só receptor de historias, senón tamén emisor, foi o que me levou a dar o salto. Como afección, escribo desde moi novo, talvez desde a adolescencia. Dun xeito máis consciente, máis serio se se quer, desde o ano 2011. Daquela quixen crear un conto para lle dedicar á miña sobriña Icía, que aínda non nacera, e tanto me gustou a experiencia que continuei por ese camiño. E até hoxe!

(P): Amais de libros para adult@s, sobre todo es autor de literatura infanto – xuvenil, que diferenzas hai entre estes dous públicos á hora de concibir unha historia?

O meu proceso creativo vai da historia ao público, non ao revés. Primeiro parto da idea que quero contar e, despois de traballar sobre ela, decido o tipo de público. Máis tarde, no proceso de construción, si que sigo uns certos parámetros, mais non é algo que teña en conta previamente. Para min só hai dous tipos de historias, as boas e as malas, independentemente de quen vaia ser o receptor. O mesmo acontece coa literatura. Hai obras mestras dentro da LIX e auténticas bazofias escritas para o público adulto. Isto, que semella obvio, non todo o mundo o ten claro.

(P): En Querido H.P. Lovecraft, a ficción mestúrase coa realidade nun exercicio metaliterario moi interesante. Poderías explicarnos o proceso de construción?

A primeira parte do proxecto consistiu en me documentar. Eu desfruto moito deste proceso. Tomei o tempo necesario para coñecer os distintos aspectos relacionados cos derradeiros días de Howard. Documentei as súas relacións persoais, a súa obra literaria, o seu entorno físico, etc. Con isto marquei unha serie de fitos que a trama debía percorrer. Despois, a tarefa consistiu en empregar a imaxinación para conectar eses fitos, algo semellante á actividade infantil de unir unha serie de puntos para crear un debuxo.

(P): Contas cun blog coñecido como “O lugar do sapo”, no que compartes artigos do día a día e de diversos temas como a literatura ou o cinema. Que che aporta este espazo na túa vida?

O Lugar do Sapo é o nome da aldeíña onde nacín e vivín até os dezaseis anos. É como a miña Ítaca persoal, un lugar idealizado ao que me gustaría volver, talvez porque me remite á infancia, “a verdadeira patria do home”, segundo Rilke. Aproveitei ese topónimo para nomear o blog. Gustaríame poder dicir que o blog é unha ferramenta que complementa o meu proxecto literario, mais non é así. Non sigo unha frecuencia de publicacións, nin me cingo a determinadas temáticas. É simplemente un caixón de xastre, un altofalante a través do que expreso o que me apetece en cada intre. Así podo falar de filmes que vin, de libros que lin, partillar algún poema, escribir sobre música ou reflexionar sobre a actualidade. É unha actividade máis terapéutica que literaria.

(P): De sobras podemos pensar que Lovecraft é o teu escritor favorito, é así? Cales son os autores/as que máis che teñen influído á hora de crear?

Pois a verdade é que non, Lovecraft non é un dos meus escritores favoritos. Recoñezo a importancia que ten, sobre todo á hora de engadir novas marcas de xénero ao terror que despois foron copiadas, unha e outra vez, na literatura, no cinema, na banda deseñada, nos videoxogos, etc.  Non obstante, está lonxe de ser un dos meus escritores favoritos. Non sabería dicir unha lista dos autores e das autoras que máis me inflúen á hora de crear. Podería citar a Salinger, Bolaño, Capote, Cortazar, Dahl, Woolf, Ende e moitos máis nomes. Con todo, non sabería calibrar a súa influencia. Todas as lecturas me inflúen. Mesmo as que aborrezo, que tamén me marcan os camiños que non debo tomar.

(P): Falas do suicidio, da morte, da soidade e da insatisfacción persoal. Ten a literatura unha función salvadora?

Totalmente. É case un exorcismo. A idea da morte angústiame tanto que me deixa paralizado. Sei que, a medida que envelleza, necesitarei axuda psicolóxica para afrontar esta cuestión ou tolearei. Dígoo en serio. Escribir sobre iso sérveme de válvula de escape. Ademais, facelo sobre temas que realmente me preocupan coido que lle engaden á historia un pouso de honestidade que doutro xeito non tería. Dalgún xeito, a literatura salvoume a vida, porque lle deu un sentido do que antes carecía.

(P): A túa máis recente novela é A virxe das areas que, segundo xa comentaches nalgunha ocasión, parte dun soño que tiveches un día, no que escribías esta novela sobre a aparición dunha rapaza sen memoria nun piñeiral. Que máis nos podes contar dela?

A virxe das areas foi un exercicio literario no que aprendín moitísimo como narrador. Está ideada como un folletín, dividida en capítulos moi curtos onde sempre acontece algo. Pretende xogar con diversos elementos da novela negra, á que dalgún xeito parodia. A historia imaxineina conxuntamente con Olaia Sendón, unha cineasta amiga miña. Iso serviume tamén para lle dar un aspecto máis visual. É certo que partín dun soño no que un xubilado de Pontedeume, a miña vila, investigaba a misteriosa aparición dunha moza que perdera a memoria. Ese foi o punto de partida para tecer a arañeira de segredos que conforma a novela.

(P): Se tiveses que escoller algo, que sería o mellor que che deu a literatura nos anos que levas escribindo?

Pois sen dúbida as persoas que me permitiu coñecer, algunhas delas convertidas xa en amigas. A literatura cambioume a vida. A escrita conferiume unha disciplina persoal da que antes carecía. É un traballo que me fascina. Aportoume tamén moitas satisfaccións en forma de novos libros, premios e recoñecementos. Mais se tivese que escoller só unha cousa, ficaría coas persoas.

(P): Tes en marcha algún novo proxecto do que nos poidas falar?

Estou a piques de acabar o borrador dun libro no que levo case tres anos a traballar, aínda que non de xeito continuado. Nin que dicir ten que me apetece moito finalizalo, e estou moderadamente satisfeito co resultado. Agora chega a parte que menos me gusta, a da revisión. Pulir devagar cada frase, cada palabra, para poder ofrecer un libro aquelado que poida gustar ao lectorado. É unha historia tenra, de iniciación, que ten aventura e linda tamén co sobrenatural. Veremos que sae de aquí!

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.