PRESENTACIÓN
En moitas ocasións temos falado das obras capitais dos autores que tratamos. Libros inmensos, complexos, intemporais e xeniais, considerando tal xenialidade como densidade e perfección, como fondura nos temas e clase nas formas. Pero tamén tocamos aqueles textos máis curtos e menos recoñecidos que, afogados pola inmensa sombra proxectada polas obras eternas, parecen pasar a un segundo plano. Mais nese segundo plano tamén habita a xenialidade se cadra máis concentrada e sutil, menos extensa e mostrada, pero da mesma forma capaz de definir estilos e pensamentos. Así, para cada autor existe esa novela con menores aspiracións pero nas que se desenvolve toda a capacidade do mestre: Dostoievski, O xogador; Joyce, Retrato do artista adolescente; Cunqueiro, Os outros feirantes; Hemingway, O vello e o mar; e, no caso que nos ocupa agora, Gabriel García Márquez e o seu O coronel non ten quen lle escriba. Gabo, principal culpable do boom da literatura latinoamericana, xenio indiscutible, Nobel de literatura, personalidade histórica aínda estando vivo, escribiu novelas sinxelamente perfectas, enormes e dunha orixinalidade e mestría no oficio da escrita como a mítica Cen anos de soidade ou O amor nos tempos do cólera, e é dono dunha galería de obras extensísima e que toca tódolos rexistros da literatura. Porqué escollemos desta vez O coronel…? Porque en palabras do mesmo Gabo “é a novela máis sinxela que escribín nunca” e precisamente nesa aparente sinxeleza radica a súa condición de única.
O CORONEL NON TEN QUEN LLE ESCRIBA
Tiveron que pasar tres novelas despois de O coronel… antes de que García Márquez se pechase no estudo da súa casa deixando coa boca aberta á muller e fillos para despois dun ano enteiro saír con Cen anos de soidade baixo o brazo. Nesa obra envorcou o seu mundo por completo, baleirándose e quedando nu. Pero moitas das claves da novela inmensa atopámolas xa no Coronel. Posiblemente a personaxe do coronel sexa a máis entrañable e emotiva dos miles de carácteres que sintetizou nos seus escritos ao longo dos anos: duro e consecuente, nobre e xeneroso, orgulloso no bo sentido da palabra, cheo de amor cara ao próximo, paciente e fiel. Se facemos memoria, ningún dos protagonistas das súas novelas está tan adornado de gabanzas nin é tan perfecto e humano, ten tan poucas arestas. Como no caso de Hemingway e o Jordan de Por quen dobran as campás a personaxe parece ter tódalas calidades das que lle gustaría ser posuidor ao artista. Tan só por coñecer a un ser como o coronel é útil ler a novela.
Temas recorrentes na bibliografía do autor como son a soidade, as guerras entre irmáns que asolaron ao seu país –neste caso o coronel combateu na Guerra dos mil días- , a integridade das xentes pobres, a esperanza, o amor no matrimonio, e sobre todo o desasosego da espera dun destino que non chega, forman parte fundamental nesta obra e moldean todo un mundo en escasas páxinas. Por se todo isto non fose suficiente e como nel é habitual, a prosa é sinxelamente fantástica, unha escola de escritura, de uso da linguaxe, da posta en escena, da descrición, da recreación de situacións. Xa neste caso é preciso lembrar o que dixo, resumindo nunha pincelada perfecta Jorge Guillén, pai de Claudio Guillén, á pregunta deste sobre quen era García Márquez: “un colombiano que escribe como Deus”.
A trama é sinxela e doada de ler, fluída e cunha cadencia deliciosa e fala dun coronel que despois de moitos anos non recibe a paga que lle corresponde por baterse na guerra sendo el un rapaz pero que malia a todo iso segue a conservar a esperanza de que todo o seu esforzo sexa recompensado. No medio da espera, en condicións de pobreza e na soidade do matrimonio ancián, o mundo parece esquecerse del, do seu pasado, metendo ao vello en situacións que o fan revolverse ante as inxustizas e preguntarse se quen está equivocado é o mundo ou é el, co seu código de honor, coa súa calidade sentimental, coa súa dor.
Especialmente recomendada para principiantes no mundo do enorme Gabo, O coronel é un delicado exercicio de optimización de recursos, de descrición dunha realidade e un comezo perfecto para o posterior paso as xenialidades de mestre absoluto do escritor nado en Aracataca. Non en balde, entre as súas influencias están Joyce, Faulkner ou Woolf. Case nada.