Vladek Spiegelman, o protagonista de Maus, di nun momento que escribir sobre o Holocausto xa non ten moito sentido, pois corres o risco de caer no máis tópico e que xa estea practicamente todo contado. Nada máis afastado da realidade, pois aínda restan moitas visións e historias individuais sobre esta funesta etapa histórica.
Proba disto é Maus, unha banda deseñada que transcende o pictórico para centrarse máis na novelística, motivo polo cal se podería inserir no ámbito da novela gráfica. Nel, o debuxante Art Spiegelman conta as vivencias do seu pai no campo de concentración de Auschwitz, unha experiencia cruenta pero á que sobreviviu. Cunha aparente sinxeleza, Spiegelman vainos relatando todo o vivido, mais tamén intercala as experiencias diarias mentres conversa co pai e este lle vai contando todo, ademais de falar de feitos cotiáns da actualidade. Neste senso, créase un debate interesante arredor da propia creación e escritura, pois a miúdo pai e fillo debaten arredor da necesidade de introducir ou non certos detalles, ademais da tensión que se produce entre eles por mor de certos temas.
É Maus unha novela que expresa moito a partir deste mundo propio cuxos personaxes nos lembran a Rebelión na granxa de Georges Orwell. Desfilan por aquí ratos, gatos, porcos, e demais animais que se dividen entre os que gañan e os que perden, os que pisan e os que son pisados, entre xudeus e alemáns. Así é o mundo animal e así semella moitas veces o humano, idea que o debuxante expresa á perfección. Non en van é a única novela gráfica merecedora dun Premio Pulitzer. Spiegelman non elide ningún detalle, mesmo os máis duros. Pertencente ao cómic underground, desenvolveu o proxecto de Maus durante trece anos, aínda que nun primeiro momento a historia publicouse en dous tomos, e polo que se conta no libro unitario, hai partes que non remataron por convencer ao pai. Con todo, ben é certo que o que se conta funciona como un exorcismo do protagonista, xa que nel impera unha necesidade de sacar fóra o vivido, de que o mundo coñeza todas as arestas da humanidade e ata onde poden chegar a maldade e as obsesións das persoas.
Hai que destacar de novo a valentía da editorial Rinoceronte, quen se atreveu a publicar esta historia na nosa lingua, e tamén por dispoñer dunha colección dedicada á novela gráfica que ten moito que dicirnos, e que agarda chegar a un novo lectorado.
Ficha técnica
Autor: Art Spiegelman
Ano de publicación en galego: 2017
Editorial: Rinoceronte Editora
Número de páxinas: 296