Entrevista Miguel Ángel Alonso Diz: “Hai que achegarlles aos nenos e nenas o amor polos libros dende a infancia”

O autor Miguel Ángel Alonso Diz

Coñecín a Miguel Ángel Alonso Diz nun contacontos na vila morracense de Bueu, na que eu resido dende fai dous anos e medio. Foi unha casualidade escoitar a paixón coa que contaba historias e engaiolaba á rapazada ilusionada. El parecía un meniño máis, e quizais por iso é polo que logra a diario expresar o amor que sente pola literatura e por este oficio de contador de historias. Ao velo alí, eu sentinme emocionada, como se eu volvese tamén ao paraíso da infancia. No medio desa actividade, Miguel tivo palabras de agradecemento a esta terra do Morrazo que tanto lle deu, e eu volvín sentirme emocionada, pois coincido con esta percepción, xa que a min este concello tamén me acolleu cos brazos abertos. Froito destas casualidades, o certo é que rapidamente decidín que debía entrevistalo, dar a coñecer a súa labor incesante na literatura infantil e adulta.

Miguel volve ser maxia, e así volo descubro nesta entrevista, na que nos fala do descubrimento da chama da escrita, a paixón polo oficio de contar historias, e algunhas das mellores anécdotas destes anos.

(P): Es recoñecido sobre todo pola túa faceta de escritor infantil. Que supón crear historias para os máis cativos/as?

A primeira palabra que vén a miña cabeza é responsabilidade, pero ademais disto para min supuxo, e supón, conectar coa miña propia infancia, descubrir partes de min que antes estaban durmidas; atoparme, completarme, divertirme, aprender. En definitiva ser.

(P): Aínda que non sexa o teu primeiro libro, O soño de Esther pode dicirse que supón un antes e un despois na túa traxectoria. Teño entendido que esta historia nace para explicarlle algo á túa primeira filla. Como foi o camiño dende aquela?

Pois debo dicir que todos os libros supoñen un antes e un despois, xa que unha vez rematados xa forman parte do meu crecemento persoal e literario. É certo que O soño de Esther foi finalista dos premios ao mellor libro infantil e ao mellor álbum ilustrado, pode que iso supuxera unha confirmación da traxectoria tanto miña como de Luz Beloso (ilustradora), pero de calquera xeito este tipo de cuestións son alleas a nós e non afectan ao noso xeito de traballar, de ser, de sentir, de crear ou de transformar o mundo a través dos libros.

Este é o libro que ten menos lecturas dos feitos até agora, xa que responde á necesidade de crear material en galego que sirva para, neste caso, ensinar as vogais, os números e a xestionar o medo. É un libro que está practicamente esgotado dende hai tempo e do que agardo recuperar en breve os dereitos para volver a reeditalo. Ademais dende o punto de vista emocional ten o engadido  de que a protagonista é a miña filla maior. Luz fixo, como é costume nela, un traballo na ilustración maxistral.

O camiño dende aquela estivo cheo de intres inesquecibles pero tamén de moita loita para sacar os traballos adiante. A verdade é que estou moi ledo de poder dicir que nun contorno e situación complexa, logramos demostrar que a fe nun mesmo sempre acaba atopando o seu camiño.

(P): Os teus libros non son simples relatos infantís, senón que levan emparellados os teus versos e o teu amor pola poesía. Como crear poesía para os nosos pequenos e pequenas?

Eu escribo libros que tamén poden ler nen@s. Intento atopar ese equilibrio entre a linguaxe, a musicalidade, a creatividade, a imaxe e a actuación. Cando escribo poesía teño na mente a nen@s, docentes, bibliotecari@s, contacontos, músicos, pais, nais, avós e avoas, ilustrador@s. Inda que estea só non estou só no intre de creación. Ás veces debo sacrificar algúns aspectos en prol doutros para lograr unha mellor comunicación da mensaxe. Eu son a variable menor, o importante é a mensaxe, como facela chegar, como comunicar. Non escribo como un exercicio de exhibición das habilidades que poida posuír.

Responderei finalmente que para crear poesía para os pequenos e pequenas hai que ser honesto, verdadeiro, real e ter un enorme sentido da responsabilidade que representa facelo. O oficio de poeta aprendino da miña querida e sempre recordada Mª do Carme Kruckenberg. Ela ensinoume, a través das nosas conversas, a seriedade que acompaña a este oficio.

(P): A poesía é esa forma que temos os seres humanos para expresar o máis oculto de nós mesmos. Cando decidiches iniciarte neste terreo?

Imaxino dende moi novo, sempre fun un  bo lector e iso axuda moito. Para min ler é o adestramento do escritor, e levo adestrándome dende neno, pero na poesía en concreto hai un ano que me marcou para sempre: 1989.

Ese ano, nunha visita organizada polo colexio, leváronnos visitar a tumba de Celso Emilio Ferreiro (autor ao que lle dedicaban o día das Letras Galegas). Cando regresaba no autobús sentía que xa non era o mesmo. Lémbroo ben… Prendera en min o lume que alampea, e até hoxe mesmo, que estou aquí respondendo as vosas preguntas, manteño vivo ese lume. É por iso que digo que Celso Emilio é o meu pai literario. Tamén nese ano fun ver ao cine Fraga, (proxectábase na sala pequena), o “Club dos poetas mortos” protagonizada polo  irrepetible Robin Williams. Para min representou descubrir para que estaba eu no mundo.

(P): Acompañando moitas das túas últimas historias están as ilustracións de Luz Beloso. Como complementan o texto?

Ambos nos complementamos e reforzamos a mensaxe ou mensaxes que queremos transmitir. Son inmensamente afortunado por poder traballar con ela. Temos unha relación moi especial e familiar. Unha vez teño escrito e visualizada a historia envíolle todo a ela e aí comeza o proceso de xestación. Horas de reunións, de conversas telefónicas, de: “que che parece isto”, “e se facemos isto outro”. Para min é tremendamente doado colaborar con ela xa que temos unha visión moi semellante en moitos aspectos da vida e do mundo. É máxico para min como escritor poder vivir o proceso de ilustración, ser parte del. Teño aprendido moito das nosas experiencias.

É fermoso comprobar que moitas persoas non distinguen quen é o escritor/a e quen o ilustrador/a. Para nós o libro é un ser vivo, diferente do seu pai e da súa nai. Un ser único e especial; é por iso que cada libro ten unha técnica diferente ou un concepto de imaxe distinto. Hai quen di que a pesar de todo isto algúns libros parécense, inda que considero que é normal, por algo son irmáns. (Sorriso)

(P): No teu último libro MEL unha mosca agradecida fas un curioso xogo de palabras. Podes explicarnos que se agocha tras desta historia?

Por suposto. MEL é o acrónimo dos nosos nomes: Miguel E Luz.

O título mesmo do libro agocha toda unha declaración que é froito do vivido durante estes anos. Por unha banda quería agradecer a todas as persoas que son parte do noso camiño. Sempre considerei que o verbo agradecer faille moito ben a quen o sinte. É importante non esquecer e este libro é unha proba disto. En certa medida pecha un ciclo que comezou con O cullarapo Croque.

Por outra banda, a elección dunha mosca responde á necesidade de deixar patente o fuxidío do noso paso. Nun mundo que alimenta os egos para min era importante expresar isto.

(P): Como toda experiencia vital, todos os escritores precisan tamén de facer un esforzo e pensar nos erros e acertos do pasado. Cales son os teus, literariamente falando?

O erro máis grande foi a tradución ao castelán feita por min mesmo do primeiro libro. Quedei descontento. Traducir non é doado e poesía moito menos. Cando fixen a tradución ao castelán de O soño de Esther foi como escribir de novo o libro. As diferenzas entre ambos idiomas son notables. Aproveito aquí para pór en valor a figura do tradutor@, considero que é esencial. O resto dos erros están relacionados con todo o que rodea á literatura pero non é literatura. Aprendín moito e iso é moi bo. Podo dicir que teño un coñecemento do sector que resulta sumamente interesante para a toma de decisións.

(P): Ademais da túa faceta de escritor, é un pracer ver como interactúas cos meniños e meniñas nun contacontos. Como se consegue empatizar e, sobre todo, lograr transmitir o amor polos libros?

É doado. Amando o que fas. Eu amo o que fago. Amo os libros e estou conectado co neno que son. Gozo moito das contadas, pásoo realmente ben. Cando gozas como eu fago transmites verdade, e iso os cativos e as cativas de todas as idades percíbeno. A última contada que fixen foi en Bueu, na presentación de MEL, e podo dicir que vivín un intre máxico. É marabilloso sentir que a túa alma está en harmonía co mundo. Creo que todas as persoas deberían loitar por acadar isto. Buscar a súa razón de ser. Seríamos todos e todas máis felices.

(P): Que foi o máis curioso/bonito/surrealista que che teña ocorrido ao longo da túa carreira como escritor?

Afortunadamente moitas cousas, imposibles de contar todas nesta entrevista e dificilmente nun só libro. Contarei algunha:

Cando autoeditamos O cullarapo Croque entreguei en man moitos dos libros ás persoas que nos apoiaran a través do crowdfunding que fixemos. Lembro que nunha ocasión chamei a un piso coa intención de darlle o seu libro a unha destas persoas. Nese intre non se atopaba no domicilio o home, que fora o que apoiara a edición do libro, e a muller mostrouse reticente, cousa normal, a abrirme o portal.

Conseguín, despois de explicarlle quen era, que abrise pero como non acababa de crer que o autor do libro se presentase na súa casa para darllo persoalmente, suxeriume que metera o libro no ascensor e pulsara o botón do seu andar. Finalmente subín e deillo na man. Para min era un xeito de agradecer o feito de apoiarnos, para ela debeu ser algo surrealista.

En Pontevedra, despois dunha contada na feira do libro, estaba tomando algo nunha terraza cuns amigos e mirei a unha rapaza que, cun dos nosos libros, O valente coello que quixo soñar, no seu colo, estaba reproducindo moitos dos xestos que fixera eu durante a contada.  Foi fermoso vela no seu mundo, allea a todo e a tod@s. Tamén tiven, e teño, a sorte de poder ver vídeos que me envían nos que me amosan aos seus fillos e fillas recitando poemas, ou correos nos que pais e nais comparten comigo a súa experiencia ao redor do libro canda @s seus/súas fill@s.  Iso é máis que bonito!

Respecto a curioso podo dicir que cando estiven en Puerto Rico, recitáballes @s cativ@s en castelán, algo en inglés, e remataba cunha historia na nosa lingua. É curioso comprobar a boa acollida que tivo o galego entre a rapazada e o persoal docente. O último día, tiven unha reunión coa directora dun departamento  de educación dese fermoso país e cando xa estabamos rematando pedíronme se podía recitarlles algo en “gallego”. Contáranlle todo o que facía durante as miñas contadas! É curioso comprobar o que esperta a música da nosa lingua fóra da nosa terra e triste comprobar o que esperta dentro dela.

Engadirei á pregunta feita: un intre máxico.

O día que recibín e lin o limiar de O cullarapo Croque feito por Xosé Neira Vilas. Chorei a primeira vez que o lin e a segunda e a…. Sempre lle estarei inmensamente agradecido pola súa xenerosidade e o seu exemplo.

(P): Neste periplo que supón facerse un oco no terreo literario, xogan un papel importante as librarías. De que xeito che influíron a ti?

Pois eu teño un contacto directo con moitas librarías, sobre todo coas máis activas. Con moitos libreiros e libreiras teño unha relación que vai máis alá do profesional e incluso da amizade. Son familia. Nomear algunhas leva esquecerme doutras pero podo dicir que persoas como: Miranda, Xaime, Concha, Marta, Manuel, Gonzalo, Maribel, Modesto, Alba son parte de min e da miña familia.

Cando comecei autoeditando fixen directamente a distribución libraría a libraría. Foi unha experiencia marabillosamente esgotadora e moi enriquecedora. Para min @ libreir@ é un ser especial ao que lle teño un enorme respecto e aprecio, feito que tamén me acontece cos bibliotecarios e bibliotecarias. Iso si, cos de verdade.

(P): Ante as alertas do pouco que se le na actualidade e dende a túa experiencia, cal é a clave para enganchar aos nenos á lectura? E un libro que non pode faltar?

É unha labor na que interveñen pais, nais, docentes, escritor@s, bibliotecari@s, editor@s e o sector público coas súas accións ao favor do fomento da lectura e apoio ao mundo editorial. Considero que se falla un elo desta cadea o resultado non é o desexado. Dende o meu eido o meu compromiso é de xerar material interesante, visualmente moi atractivo, con substancia, é dicir, que alimente a alma, e por suposto en galego.

É difícil, moi difícil dicir un só libro. Direi un que creo que axudaría a moitas persoas a entender a súa terra: Sempre en Galiza.

(P): O gran reto da educación segue sendo o fomento da lectura, aínda que parece que segue sen conseguirse. Como ves ti o futuro do libro entre as novas xeracións?

Galicia, en concreto, conta con enormes escritores e escritoras, tanto de poesía como de relato ou narrativa; polo que podo dicir que existe unha ampla oferta de gran calidade. Hai que achegarlles aos nenos e nenas dende a infancia o amor polos libros, e os pais e nais aquí temos moito que dicir. Sempre haberá persoas que lean e outras que lean menos, pero o que non debe acontecer é que non lean nada xa que iso non é bo para o seu futuro profesional nin para a sociedade.

Despois desta pequena reflexión engado que me preocupa o futuro do libro en galego xa que coa diminución de falantes tamén se produce un descenso dos lector@s no noso idioma.

(P): Ademais de poeta infantil, tamén te desenvolves moi ben na poesía para adultos. Que che aporta esta última?

Moito. É unha cara máis dun poliedro pois non son unha figura plana. En xeral se tende a etiquetar e meter en caixóns ás persoas, pero eu cultivo moitos estilos. Se ben é certo que o sitio onde creo que debo incidir para transformar é a poesía adulta que tamén len os nenos e nenas.

(P): Cal é a saúde do libro infantil e xuvenil en galego?

Como xa dixen, a saúde respecto a autores e autoras é excelente. Creo que acerto ao dicir que nunca na nosa historia foi tan boa. Podería nomear aquí a dez grandes autores neste eido e quedarían, inxustamente, moitos nomes sen dicir.

Se nos referimos a lectores, admito que dependemos excesivamente das recomendacións lectoras dos centros de ensino. Dada a situación actual son máis que necesarias, imprescindibles. Pregunto aquí, cantas familias mercan un libro infantil xuvenil en galego non porque llelo pidan no colexio, senón por propia vontade?

Lembro nunha feira do libro a unha señora que viña mercar un libro para o seu neto. Como eu estaba asinando na caseta da libraría Andel, achegouse a min para ver os nosos libros. Primeiro descartou os de poesía, “porque iso é moi complicado”, logo rexeitou o libro que lle ofrecín porque estaba en galego, “e seguro que o neno non o entende”. Ante esta situación díxenlle que desculpara que non sabía que era de fóra de Galicia e pregunteille de onde era (falaba cun inconfundible acento galego). A muller ofendida díxome que era de Cabral. Ademais disto o personaxe principal do libro era unha nena e o seu neto era rapaz.

Creo que non é necesario engadir máis sobre a situación do libro galego en xeral. Mais seguimos loitando!

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.