Fin de poema

Juan Tallón, autor de "Fin de poema"

O suicidio e a morte como consecuencias da falta de inspiración é un tema que podería dar para escribir moitos libros, dado o misterio da vida. Juan Tallón fálanos do derradeiro día de vida de catro poetas: Cesare Pavese, Anne Sexton, Gabriel Ferrater e Alejandra Pizarnik, en Fin de poema, novela curta que se fixo co Premio Manuel Lueiro Rey no 2012 e que é unha auténtica obra de arte, un pracer para os sentidos.

Non podo continuar con este artigo sen antes comentar que adoro a Alejandra Pizarnik, unha das protagonistas deste libro, e que os seus poemas son un puro xogo coa morte e coa propia felicidade. Dela, e doutras dúas poetas que tamén se suicidaron, xa nos falara Fernando Alonso Barahona, en Tres poemas de mujer, unha obra de teatro na que se fabula sobre o reencontro destas mulleres o día da súa morte. Digo isto xa que o libro que agora teño entre mans ten certas similitudes con el, aínda que o estilo é completamente diferente.

Fin de poema indaga nas situacións particulares de cada poeta, e nos últimos momentos da súa vida, á que Juan Tallón tenta buscar unha causa dunha infelicidade que desemboca na morte. O que teñen en común estes poetas é precisamente a súa esixencia persoal, o que os leva a unha insatisfacción vital que fará que caian na soidade máis estrema. Nestas circunstancias e ante a falta de inspiración, Juan Tallón tenta ir máis alá e crea unha novela máxica e moi literaria na que se completan as arestas de cada un dos poetas, nos que vemos esa aura maldita. E para lograr o resultado, non pasa desapercibida a enorme documentación como se de artigos xornalísticos se tratase. Neste aspecto aínda quedan reminiscencias do Juan Tallón xornalista.

Fin de poema contén moitas citas memorables, pero quizais na seguinte reside todo o sentido da poesía e do propio libro:

“Un non pode estar nunca conforme cos seus textos. Nada é nunca o suficientemente bo. A insatisfacción é a única felicidade que lle queda ao poeta. E a maior desgraza. O texto sempre pode ser mellor”.

A inspiración e, do outro lado, a soidade do poeta. Semella que o estar só axudaría a compor poemas, pero que ocorre cando esta sensación é tan excesiva que o tellado do fogar ameaza con caer enriba da cabeza? E ante iso, o único que nos pode calmar é a morte. Sen dúbida, un libro para o goce dos padais máis exquisitos e esixentes.

Ficha técnica

Título: Fin de poema

Autor: Juan Tallón

Editorial: Sotelo Blanco Edicións

Ano de publicación: 2012

Número de páxinas: 134

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.