Somerxerse no Nordeste de Daniel Asorey resulta una experiencia perigosa e revolucionaria. Nesta primeira novela, o autor fálanos da loita das mulleres por acadar o mesmo estatus que os homes, e tamén explora esoutra parte do ser humano que desde sempre loitou por eliminar as barreiras entre as clases máis ricas e os desclasados.
Vexamos. Esta novela,merecedora do Premio de Narrativa Breve Repsol 2016, conserva un estilo breve, conciso, e intenso, tan intenso que impacta coma unha bala no corazón. A dureza dos feitos que conta parte dunha realidade: o asasinato dos cangaceiros, a banda salteadora máis grande do Brasil, no ano 1938 a mans da policía. Nesta banda estaba María Bonita, muller que loitaba dobremente, polos dereitos dos pobres e polos das mulleres nun mundo machista. A trama inclúe en capítulos alternos as historias de María Bonita, a xornalista Matilda, e Carme de Candingas, vedora maior da Repúblicas das Santas Irmandades da Galiza que visita anos antes as colonias que posúe a súa patria no Nordeste brasileiro. Parecerán tres historias que non teñen moito que ver, mais axiña descubrimos a súa intensa relación, e a confirmación de que en todos os sucesos o pasado ten moito que ver.
Daniel Asorey escribe paseniñamente, e en cada verba deixa caer as fortes inxustizas polas que tiveron que pasar estas xentes, ademais da crueldade dos que un día quixeron rematar cos soños dunha poboación.
Nordeste é pois unha novela rebelde, revolucionaria, na que se escriben cousas coma estas:
“O pobo brasileiro leva sufrindo durante 400 anos unha guerra sen treguas nin armisticios. Batallas desiguais que sempre rematan coa exposición das cabezas cortadas dos de abaixo”.
Unha obra grandiosa na que as palabras saben a rabia, mais tamén a independencia e a liberdade, e a amor, o amor que nace do entendemento e da paixón polo outro/a.
“O amor debe ser iso, pensa María, facerse auga nas mans que te desexan”.

Non pasa desapercibida tampouco esa relación que se establece entre o país brasileiro e a nosa Galiza, dous lugares que comparten un pasado e ata unha linguaxe que no fondo non deixa de ser a mesma. Sen dúbida é unha novela que nos dá a coñecer uns feitos dos que, recoñezo, non sabía. E é que a historia dos pobos atópase case sempre na literatura e non tanto neses libros que se fan chamar de “historia”.
Ficha técnica
Título: Nordeste
Autor: Daniel Asorey
Editorial: Galaxia
Ano de publicación: 2016
Número de páxinas: 152
Menuda pintaza! Non coñecía nin ao autor nin o libro, pero co que contaches creo que non vou tardar moito e leelo..jeje
Un saúdo!
Me gustaMe gusta
A verdade é que a min mo recomendaron e foi unha grata sorpresa. Un libro moi curto, pero moi intenso, deses que quedas con ganas de máis. Se o les, agardo a túa opinión. Grazas por pasarte por Lecturafilia, un saúdo!
Me gustaLe gusta a 1 persona