O libro que temos entre mans leva por subtítulo “Como previr a desigualdade de xénero e a violencia machista desde a familia”, e preséntase como un pequeno manual de reflexión sobre a violencia ás mulleres e o que supón a educación desde as idades máis novas para cambiar certos comportamentos que, non por telos interiorizados, son menos machistas.
Ana Torres Jack é licenciada en Psicoloxía e conta cun Máster en Medios de Comunicación, e desde 1998 exerce como orientadora educativa, e atesoura moita experiencia no terreo da educación para os máis pequenos e pequenas, tendo publicado series monográficas con enfoque práctico dedicadas á estimulación da intelixencia e o talento, o desenvolvemento físico, emocional e intelectual e a creatividades, entre outros. A modo de guía práctica escribe Máis aló do azul e do rosa, que parte de situacións que ben poderían ser reais e nas que se expoñen certas problemáticas e causas do que é a violencia exercida contra as mulleres. A hipótese é ben clarea: dende a máis tenra infancia, as mulleres estamos sometidas a moitos comportamentos que inciden na desigualdade e que poden derivar no futuro en casos de violencia machista.
Así, na primeira parte explícasenos o concepto sobre o que estamos a falar, para pasar despois a unhas nocións arredor do que podemos facer para educar en igualdade. Pasará despois ao maltrato e ao que supoñen os comportamentos machistas nos menores, os que se poden converter en persoas agresivas e que repiten o que ven na casa.
Sen dúbida é este un libro moi necesario, non polo novidoso do tema, senón polo seu tratamento, xa que nos fai reflexionar arredor de acontecementos e situacións que cremos superadas pero que aínda se atopan á orde do día. Tal é o caso da división dos xoguetes e da roupa por cor entre nenos e nenas, do mal entendido amor romántico que deriva en control, ou da colaboración nas tarefas do fogar… Ana Torres Jack é moi clara, e vénnos dicir que a educación é o primeiro punteiro dende o que podemos cambiar a sociedade. E é que se os nosos fillos e fillas non escoitasen comentarios que incidisen na desigualdade, quizais no futuro non teriamos que conmemorar datas da non violencia contra as mulleres.
Ficha técnica
Título: Máis aló do azul e do rosa. Como previr a desigualdade de xénero e a violencia machista desde a familia
Autora: Ana Torres Jack
Editorial: Galaxia
Ano de publicación: 2016
Número de páxinas: 105