Loitar contra os silenzos

As escritoras galegas fican moitas veces nun duplo esquecemento: por seren mulleres e por habitar na Galiza, afastadas do céntrico Madrid, e que fai que as súas obras teñan máis dificultades á hora de chegar ao lectorado. Así e todo, resisten, e grazas a elas é que podemos dicir que se vai completando o panorama literario. Estas reflexións véñenme á cabeza após a lectura de Aínda invisíveis? Narradoras e margens na literatura galega contemporânea, un libro no que a narradora e poeta Lorena López López analiza a obra creativa de catro escritoras galegas que se afastan dos modelos ficcionais hexemónicos e que buscan a revolución literaria en todas as súas formas, xa sexa a través de personaxes marcadas pola sexualidade ou o xéneso, así como con temáticas diversas e non convencionais.

Tal e como nos convida Helena González Fernández no limiar, esta publicación “oferece-nos a oportunidade de (re)ler a ficçao que ficou no ponto cego e tem en comum o compromisso com a escrita rabuda”. Así, o libro, que parte da tese da autora na Universidade de Bangor, é un estudo que analiza a obra de Cris Pavón, Patricia Janeiro, Margarita Ledo Andión e Teresa Moure dende o punto de vista da resistencia cultural e do que achegaron á discrepancia e ás áreas de conflito na nosa literatura. Lendo a Lorena López descubrimos as outras autoras que nos presenta, que non son máis ca un exemplo para denunciar a invisibilidade á que foron sometidas ao longo da historia as mulleres e o importante que é sacalas dese ostracismo para acadar un mundo máis xusto e igualitario.

Aínda invisíveis? proponse coma un texto destinado tanto ao público especializado na filoloxía e na lectura crítica, aínda que a el tamén poden chegar todas as persoas que indaguen no feminismo dende unha ollada galega, pois nel teñen cabida moitos temas que teñen que ver co nacionalismo e a propia perspectiva de xénero. Dende a renovación vangardista de Ledo Andión, pasando polo tratamento do conflito armado na literatura de Janeiro, as máquinas e vampiras de Pavón e o xogo de máscaras de Moure, este libro fai fincapé no que estas autoras teñen de diferentes e de frescura.

Como xa se indica dende o propio título, as marxes tamén están no propio emprego do galego internacional, máis apegado ao portugués e que estas autoras practican na súa escrita.

En definitiva, un libro para ir camiñando dende as marxes cara o centro, porque ás veces acontece que as que un día están no bordo, máis cedo que tarde se volven protagonistas. Oxalá así!

Ficha técnica

Título: Aínda invisíveis? Narradoras e margens na literatura galega contemporânea

Autora: Lorena López López

Editorial: Através

Prezo: 16,00 €

Número de páxinas: 208

Esta crítica publicouse orixinalmente no suplemento Sermos Galiza do xornal Nós Diario.


Descubre más desde Lecturafilia

Suscríbete y recibe las últimas entradas en tu correo electrónico.

Avatar de Desconocido

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Este sitio utiliza Akismet para reducir el spam. Conoce cómo se procesan los datos de tus comentarios.