Fina Casalderrey adora os animais, e é quizais por iso que moitos dos seus libros infantís e xuvenís están ateigados de alusións a estes, xa sexa no propio título ou tamén a través da súa inserción da mesma trama. Así o fixo tamén na súa estrea na literatura para público adulto: A muller Xabaril. A autora pontevedresa, que é unha das grandes das nosas letras e que mereceu xa moitos recoñecementos e galardóns, o último deles cunha homenaxe en Pontevedra da AELG hai unhas semanas, decidiu publicar unha obra que reivindica sobre todo ás mulleres valentes, ás que están fartas de seren xulgadas por unha sociedade que nunca as entendeu, as que non queren ficar caladas por máis tempo.
Moitas historias nacen de obsesións, de persoas ou espazos que nos impresionan por algo, e esta de Fina Casalderrey tomou como base a historia de Adelina Franco, unha muller de Santa María de Xeve á que o imaxinario popular tratou coma unha tola, pero que sempre lía libros e manifestaba unhas ideas revolucionarias. Todo o que se trata no libro é ficción, aínda que resulta imposible non pensar nas moitas mulleres que foron insultadas, aldraxadas, tratadas de bruxas e tolas só polo simple feito de que querían ler ou ocupar os seus espazos nun mundo patriarcal. Adelina, podemos pensar, foi unha delas, e representa un pouco a todas, ás que levaron consigo as culpas herdadas e, moitas veces, non correspondidas, tal e como tamén se aborda no recente libro da xornalista María Solar, A culpa.
A muller Xabaril parte das lembranzas de Ramiro, un home que recorda a infancia na que se atopaba continuamente con esa muller xabaril, e que no presente habita na vellez e comparte inquedanzas coa súa neta á que tenta transmitirlle a necesidade que temos de non esquecer as orixes do que somos. O argumento mestura varios estilos, tamén o das cartas, pero a autora peca nalgún momento de incluír información sen podar, case a modo enciclopédico, o que fai que as descubertas parezan máis as dela que as das voces narradoras. Este libro interesa xa que logo porque reconstrúe e ficciona o mito da muller xabaril, pero sen que destaque pola súa orixinalidade, parecendo nalgúns momentos mesmo previsible.
Así e todo, estamos diante dunha obra que contén unha intriga ben manexada, na que se imbrican diversos estilos e xéneros, e que pode interesar a moitos tipos de público. Pero a autora fica por veces na superficie, sen ir máis alá, e sen ofrecer algo máis novidoso arredor desa “muller xabaril” que xa é de por si abondo interesante.
Ficha técnica

Título: A muller Xabaril
Autora: Fina Casalderrey
Ano de publicación: 2023
Editorial: Xerais
Número de páxinas: 314
Prezo: 18,95 €
Esta crítica foi publicada orixinalmente no suplemento Sermos Galiza do Nós Diario.
Descubre más desde Lecturafilia
Suscríbete y recibe las últimas entradas en tu correo electrónico.
