É fútbol revolución?

“O fútbol é un xogo difícil. Oscilando entre o amor e a renuncia, entre estar a prol e en contra, entre o potencial do fútbol e a ignorancia futbolística; este libro escava e afonda nesa gran paixón persoal e desordenada que temos polo xogo”. Así resume Boff Whalley o que atoparemos en Fútbol contra o estado, unha obra moi potente e novidosa que Gabriel Kuhn publicara orixinalmente hai unha decena de anos e que agora nos trae ao galego a recentemente creada editorial Menino Morreu coa tradución de Ângelo Pineda.

Fútbol contra o estado captou o meu interese inmediato, sobre todo porque dende sempre quixen coñecer ben as orixes deste deporte ao que se lle acusa de ser o opio do pobo, pero que tantas paixóns provocou ao longo do tempo. Para unha persoa coma min, moi escéptica do espectáculo do fútbol, este libro conseguiu que fixese as paces con ese pasado infantil no que concibía que mentres xogabamos con esa pelota o mundo podía ser máis xusto. Diso fala un pouco esta obra de Gabriel Kuhn, un exfutbolista semiprofesional que vive como autor e tradutor independente en Estocolmo e que conta xa con diversas publicacións, entrevistas e estudos arredor das súas dúas grandes paixóns: o fútbol e a política.

É posible cambiar o mundo co fútbol? Que sabemos deste deporte? É o fútbol de esquerdas ou de dereitas? Pode acadarse a revolución social a través del? Estas e outras preguntas son as que formula o autor neste libro que se compón dun relato escrito por el mesmo, ademais de entrevistas e artigos de moitas persoas vinculadas ao deporte futbolístico noutros países e en diversas entidades. A través del reflexionamos sobre todo iso, mais tamén sobre as dificultades das mulleres no fútbol, alén do colectivo LGBTIQ+ , ou do mercado de novos escravos para o xogo provenientes de países africanos ou do Brasil, entre outros. Tamén son interesantes as referencias que atopamos á análise política, e sobre todo de como o fútbol pode servir para apelar á revolución, como reivindicaban os escritores Eduardo Galeano ou Albert Camus, e que defendía tamén Antonio Negri, a través dunha cita que recolle o libro e que di “Eu desfruto facendo  revolución! Eu desfruto indo ao fútbol!”.

En definitiva, estamos diante dunha obra revolucionaria, que mestura o ensaio co estilo máis xornalístico, para abrir ou ampliar un campo de debate tan controvertido como é o fútbol, do que parece que todo o mundo sabe, pero dun xeito moi simplificador.

Ficha técnica

Título: Fútbol contra o estado

Autor: Gabriel Kuhn

Tradutor: Ângelo Pineda

Ano de publicación: 2022

Editorial: Menino Morreu

Número de páxinas: 464

Prezo: 17,00 €

Esta crítica publicouse orixinalmente no suplemento Sermos Galiza do xornal Nós Diario.


Descubre más desde Lecturafilia

Suscríbete y recibe las últimas entradas en tu correo electrónico.

Avatar de Desconocido

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Este sitio utiliza Akismet para reducir el spam. Conoce cómo se procesan los datos de tus comentarios.