As mulleres camiñamos moitas veces por un pequeno fío que ameaza con escachar e facernos caer ao chan. Moi preto desta metáfora sitúanse as protagonistas de Funámbulas, o libro de relatos de Charo Valcárcel no que nos sorprende con historias que recollen retallos da vida, e deses momentos nos que todo se esnaquiza. Comeza esta recompilación co relato dunha muller derrotada, que sempre quixo escribir, e que simbolizaría quizais á propia autora, que comezou na literatura tardiamente e que nos sorprende con este libro e con outro de poesía que saíu a mediados do pasado ano baixo o título de Cando os bosques sintan frío. Unha vez que esta muller toma o lapis e a folla comeza a fluír a imaxinación e o que atopamos a continuación son un monllo de historias independentes pero moi interconectadas entre si, sobre todo porque aparecen mulleres que se debaten entre as vivencias de situacións inxustas e a culpa, análise que se podería facer de forma evidente no relato titulado “Nó”. Aquí atopamos, pois, contos que son denuncias das violencias que se exercen contra as mulleres, como son o maltrato ou os abusos sexuais, aínda que tamén se evocan sensacións que atravesan as súas vidas, como a nostalxia ou a soidade. De feito, no relato “Néboa” unha muller analiza o seu estado vital tristeiro e observa a néboa tras a ventá, lembrando ás persoas que antes habitaron a casa e que agora xa non están nela.
Charo Valcárcel manexa ben as técnicas do relato curto, de dúas ou tres páxinas, nos que evoca sensacións e as ensambla de forma directa coa natureza, que pode ter nas personaxes un poder de cambio ou actuar como catalizadora de certos acontecementos. Con todo, esta forza pérdese nas historias que teñen máis follas, pois aí a autora non consegue centrar os elementos importantes para a acción e pérdese en nimiedades, como acontece en “Angele Dei”, un relato que posúe potencial en si mesmo pero que se conta con certo caos.
Cun estilo moi achegado á poesía, pero tamén á novela máis social, Funámbulas podería relacionarse de forma evidente con outros libros que se publicaron na actualidade e que precisamente poñen o foco na violencia patriarcal e nas desigualdades de xénero, tal e como fixera Lucia Berlin en Manual para mujeres de la limpieza.
Ficha técnica

Título: Funámbulas
Autora: Charo Valcárcel
Ano de publicación: 2022
Editorial: Embora
Número de páxinas:97
Prezo: 18,00 €
Esta crítica publicouse orixinalmente no suplemento Sermos Galiza do xornal Nós Diario.
Descubre más desde Lecturafilia
Suscríbete y recibe las últimas entradas en tu correo electrónico.
