13 editora é un proxecto editorial que naceu ao amparo da organización Ecoar global e que ten como obxectivo traernos ao galego obras de referencia no pensamento político cidadán. Libros que empuxen o pensamento, como é As políticas da ecoloxía social: municipalismo libertario, escrito por Janet Biehl, tomando como referencia a ollada e os estudos de Murray Bookchin.
A autora dedicou a súa vida a abordar as relacións de poder e a intentar mudar a correlación de forzas para conformar un mundo máis xusto. Nesa busca é cando se achegou ao Instituto para a Ecoloxía Social dende o que Bookchin desenvolvía o seu traballo, e tras coñecelo decidiu explicar o municipalismo libertario ao resto do mundo. O resultado é un libro que se concibe coma unha folla de ruta sobre como construír o mundo sen xerarquías, ao mesmo tempo que sitúa no centro de todo a soberanía das persoas sobre as súas vidas e sobre o medio que habitan. Aínda que a obra foi rematada pola autora no 1997, a súa lectura hoxe en día ofrece unha actualidade total, pois máis ca nunca precisamos ideas para loitar contra os grandes lobbys de poder e para ser quen de exercer as nosas propias liberdades. A obra pode lerse tanto por persoas que exerzan a política municipal, como pola cidadanía interesada en aplicar a súa soberanía e propoñer outros modelos para ser escoitada. Escrito cun estilo ameno e divulgativo, o libro divídese en catro bloques diferenciados, que se poden ler en ordes alternativas: o primeiro é unha nota inicial da autora; o segundo céntrase en realizar un estudo de carácter histórico a través das diversas formas de organización municipal; o terceiro describe de xeito detallado e práctico os puntos precisos para poder levar a cabo unha organización social municipalista libertaria; e o cuarto, establécese a través dunha entrevista que Janet Biehl realiza a Bookchin en Burlington o 12 de novembro de 1996. Como vedes, trátase dunha proposta ben interesante, de plena actualidade, que vai na liña de fomentar unha cidadanía consciente e participativa co espazo que habita.
Ficha técnica
Título: As políticas da ecoloxía social: municipalismo libertario
Autora: Janet Biehl con Murray Bookchin
Ano de publicación: 2023
Editorial: 13 editora
Número de páxinas: 317
Prezo: 22,00 €
Esta crítica foi publicada orixinalmente no suplemento Sermos Galiza do Nós Diario.
Descubre más desde Lecturafilia
Suscríbete y recibe las últimas entradas en tu correo electrónico.
