O feminismo nas estradas

“O que de lonxe parece unha cousa, é moi diferente cando estás preto”.

“No interior, cada un de nós ten unha moto de cor púrpura. Só temos que atopala e montar nela”.

Gloria Steinem escribe estas dúas frases na introdución do libro A miña vida nas estradas, considerado un clásico do feminismo contemporáneo e que é un tratado de humanidade e de defensa dos dereitos das persoas máis desfavorecidas, é dicir, das mulleres e das habitantes de países con menos oportunidades, como é o caso da India. No libro, que nos trae en galego a editorial Hércules na tradución de Raquel Senra, a escritora, conferenciante, activista política e feminista Gloria Steinem cóntanos as súas orixes dende que era unha cativa e viaxaba polas estradas co seu pai, momentos nos que confesa que se sentía máis libre ca nunca. A partir de aí formou a súa personalidade, e descubriu que no camiño é onde mellor se coñecía ás persoas. Alma inqueda por natureza, Steinem tamén quería loitar contra as inxustizas impostas ás mulleres e “abrir camiño”, pois ata agora “os homes encarnan a aventura e as mulleres, o fogar”, e ela buscaba desmontar esa falacia. Por iso se lanzou á aventura, pasando tempadas na India, como corresponsal das revistas New York e Ms, e cubrindo campañas electorais con algúns candidatos e candidatas á presidencia dos EEUU, sempre nas estradas. O libro é o testemuño de todas as vivencias que lle serviron para defender a igualdade e reivindicar os dereitos das mulleres. Ela mesma habitou e tivo que sobrevivir nese mundo de homes, pero iso non a paralizou senón que a impulsou a seguir e a denunciar.

O libro parte da experiencia, e pode lerse como o camiño persoal que segue a autora dende que era cativa ata que vai medrando e se interesa polo feminismo (tamén o negro), os pobos indíxenas, o coidado do medio ambiente, e o papel da política en todo iso. Non é unha muller neutral, sempre lle gustou tomar partido, e aí radica a súa valentía. A través desta obra enorme enténdense a Medalla Presidencial da Liberdade que o presidente Obama lle concedeu en 2013 e o recente Premio Princesa de Asturias de Comunicación e Humanidades que recibiu en España. É unha comunicadora que logra chegar a todas as persoas, pois fala con humildade e sen dar nada por suposto. E, sobre todo, analiza a vida dende as distancias curtas, porque é preciso observar ben as cousas para entender o que significan. Oxalá máis olladas púrpuras coma a de Gloria. Un libro imprescindible para entender o feminismo e o noso tempo.

Ficha técnica

Título: A miña vida nas estradas

Autora: Gloria Steinem

Tradutora: Raquel Senra

Ano de publicación: 2023

Editorial: Hércules

Número de páxinas: 341

Prezo: 22,90 €

Esta crítica foi publicada orixinalmente no suplemento Sermos Galiza do Nós Diario.


Descubre más desde Lecturafilia

Suscríbete y recibe las últimas entradas en tu correo electrónico.

Avatar de Desconocido

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Este sitio utiliza Akismet para reducir el spam. Conoce cómo se procesan los datos de tus comentarios.