María Villamarín (Casas da Veiga, A Limia, 1989) formouse en xornalismo e estudos literarios na Universidade de Santiago de Compostela, e traballou despois en equipos de comunicación de diferentes proxectos culturais. Ao tempo, autoeditou os fanzines titulados Madreselva e Florilège, e posteriormente a novela Diario de dúas casas. No ámbito musical, foi teclista e cantante do grupo Esposa, co que gravou varios discos.
Actualmente, traballa en Santiago de Compostela como libreira na cooperativa numax, onde participa tamén na xestión de redes sociais e comunicación.
1. O principal trazo do teu carácter? Teño bo humor e gústame moito rir.
2. Que cualidade aprecias máis nun home? Que teña paixóns e que sexa unha persoa honesta e humilde.
3. E nunha muller? As mesmas.
4. Que agardas das túas amizades? Crecer e aprender con elas.
5. O teu principal defecto? Son moi desconfiada e precavida cando coñezo á xente, por medo a que me fagan dano.
6. A túa ocupación favorita? Esta téñoa clarísima, ler.
7. O teu ideal de felicidade? Estar na miña cama ou no meu sofá lendo, ou unha comida cos meus amigos ou a miña familia.
8. Cal sería a túa maior desgraza? Témolle moito á perda de memoria.
9. Que che gustaría ser? Ter unha profesión relacionada cos libros, e xa a teño :)
10. En que país desexarías vivir? Aquí pero se teño que escoller un país no que nunca estiven, creo que Arxentina,.Teño un amigo que sempre me di que me gustaría moito vivir alí.
11. A túa cor favorita? A cor negra.
12. A flor que máis che gusta? A madreselva, aínda que non é unha flor exactamente.
13. Que paxaro prefires? Unha bubela.
14. Os teus autores/as favoritos en prosa? Sheila Heti, Kate Zambreno, Luisa Carnés, Carson McCullers, Amélie Nothomb…
15. E poetas? Pois diría que Ismael Ramos, Luz Pichel e Ángela Segovia.
16. Un heroe de ficción? Ufff, non sei, Shin Chan.
17. Unha heroína? Misae, por aturar o anterior.
18. O teu músico ou música favorito/a? Vou por épocas. Este ano estou escoitando de forma obsesiva (que é a miña forma normal de escoitar música) a Bad Gyal, a Ralphie Choo, a Mushkaa, a 100 gecs e a Caroline Polachek.
19. O teu pintor ou pintora preferido/a? Mmmmm. Diría que a artista Louise Bourgeois, as pintoras Georgia O’Keeffe, Hilma af Klint ou Isabel Villar. Tamén me gusta moito Sorolla.
20. O teu heroe ou heroína na vida real? Miña nai.
21. O teu nome favorito? Aura.
22. Que hábito alleo non soportas? A falsidade.
23. Que é o que máis detestas? As persoas egocéntricas, que se cren superiores ás demais, a xente soberbia.
24. Unha figura histórica que che poña mal corpo? Felipe González mesmo.
25. Un feito histórico que admires? A revolución de Rojava.
26. Que virtude desexarías posuír? A de saber pedir axuda cando o preciso.
27. Como che gustaría morrer? Durmindo.
28. Cal é o estado máis común do teu ánimo? Estar esgotada mentalmente, cando é así preciso un pouco de recollemento e silencio.
29. Que defectos che inspiran maior indulxencia? Os que teñen que ver coas paixóns da xente. Desculpo facilmente calquera tolemia relacionada con ser fan de alguén, especialmente se eu tamén o son.
30. Tes unha máxima ou lema de vida? A verdade é que non. Quizais algo sobre non preocuparse polo que digan. Haters gonna hate e tal.
Descubre más desde Lecturafilia
Suscríbete y recibe las últimas entradas en tu correo electrónico.
