María Lado é unha das caras do dúo poético – musical “Aldao Lado”, que leva a poesía por todos os recunchos en conversa con outras artes e co espazo. Nada en Cee o 14 de abril de 1979, comezou a súa andaina no Batallón Literario da Costa da Morte, e conta con moitas publicacións en volumes colectivos. De forma individual, deu ao prelo obras como A primeira visión, Amantes, oso, mamá, si? ou Gramo Stendhal.
Coñecémola mellor neste Cuestionario Proust:
1. O principal trazo do teu carácter? Supoño que son optimista e entusiasta, pero pronto se me pasa.
2. Que calidade aprecias máis nun home? Aprecio nun home que saiba relacionarse ben comigo, de igual a igual.
3. E nunha muller? Creo que exactamente o mesmo.
4. Que agardas das túas amizades? Agardo que perdoen os meus silencios e inconstancia, que estean aí a pesar de todo.
5. O teu principal defecto? Son mui inconstante.
6. A túa ocupación favorita? A miña ocupación favorita é escribir. E cando me ataca a vagancia, ler.
7. O teu ideal de felicidade? Ser amada. Pero ben amada.
8. Cal sería a túa maior desgraza? A miña maior desgraza é fallarlle a alguén.
9. Que che gustaría ser? Pois gústame ser o que son. Antes quería ser estrela do rock,pero por sorte xa se me pasou.
10. En que país desexarías vivir? Pois, non penso muito niso. Este está ben.
11. A túa cor favorita? Non teño case ningunha cousa favorita, cústame expresarme en termos tan absolutos.
12. A flor que máis che gusta? Podo dicir exactamente o mesmo que no caso da cor.
13. Que paxaro prefires? Podería botar o día enteiro pensando e non sería quen de escoller un. Anque as pegas gústanme. E as lavandeiras tamén.
14. Os teus autores/as favoritos en prosa? Son incapaz de contestar a esta pregunta. Depende do momento. Podo volver a Patricia Highsmith durante meses e deixarlle unha novela a medio ler dun día para outro.
15. E poetas? Tuñón gústame por veces muito e por veces nada, Chus Pato sempre muito pero cústame escoller a alguén sobre todas as opcións. Depende do día.
16. Un heroe de ficción? Badtián, de A historia interminable, por dicir algún que está sempre aí. Ou Aragorn, do Señor dos aneis.
17. Unha heroína? Tal vez Lucrecia, de Retrato de casada de Maggie O’ Farrell
18. O teu músico ou música favorito/a? Xa dixen que me custaba muito expresarme en termos absolutos. Gústame PJ Harvey, pero outras tanto coma ela.
19. O teu pintor ou pintora preferido/a? Non sei, pero impresionoume cando vin os cadros de Castelao no Museo Provincial de Pontevedra, tal vez porque non vexo muita pintura ao vivo.
20. O teu heroe ou heroína na vida real? Miña nai.
21. O teu nome favorito? A xente que leva con dignidade e xustiza o seu nome fai que namore deses nomes.
22. Que hábito alleo non soportas? O prexuízo.
23. Que é o que máis detestas? Andar ás présas.
24. Unha figura histórica que che poña mal corpo? Ui, un cento delas, os tiranos, en xeral.
25. Un feito histórico que admires? A revolta social post Prestige.
26. Que virtude desexarías posuír? Ser xusta con todas as persoas.
27. Como che gustaría morrer? Dentro de muito. Canto mais tarde no tempo, mellor.
28. Cal é o estado máis común do teu ánimo? O despiste absoluto.
29. Que defectos che inspiran maior indulxencia? Os que todas podemos ter nalgún momento.
30. Tes unha máxima ou lema de vida? Non, intento adaptar as máximas ao momento e ser boa persoa en xeral.
Descubre más desde Lecturafilia
Suscríbete y recibe las últimas entradas en tu correo electrónico.
