Lara Boubeta (Cangas, 1994) é mestra a tempo completo e escritora cando pode. O seu activismo polos dereitos LGBTIQA+ levouna a unir estas dúas facetas e a loitar por medio da palabra. É así como nace o seu libro Xe, unha reflexión sobre o xénero e a intersexualidade adaptada ás infancias. Ademais, comparte en redes recursos en galego desta temática para Educación Primaria a través do perfil de instagram @sempre_estou_aprendendo .
Como forma de liberación, ten tamén unha relación complexa coa poesía. Grazas a esta, obtivo recoñecementos en diversos certames como o do Concello de Ames ou o III Certame de poesía LGBT+ de AvanteLGBT+ Compostela.
Coñecémola mellor neste Cuestionario Proust:
1. O principal trazo do teu carácter? A sensibilidade.
2. Que calidade aprecias máis nun home? Que sexa feminista.
3. E nunha muller? A empatía.
4. Que agardas das túas amizades? Que me digan sempre o que pensan, aínda que non me guste escoitalo.
5. O teu principal defecto? A impulsividade.
6. A túa ocupación favorita? Xogar ao fútbol.
7. O teu ideal de felicidade? Ser estable emocionalmente.
8. Cal sería a túa maior desgraza? Esquecerme de min mesma.
9. Que che gustaría ser? Poeta.
10. En que país desexarías vivir? En Senegal.
11. A túa cor favorita? Depende do meu estado de ánimo.
12. A flor que máis che gusta? O xirasol.
13. Que paxaro prefires? O corvo mariño.
14. Os teus autores/as favoritos en prosa? María Reimóndez, Eva Mejuto, Pedro Feijoo, Domingo Villar, Arantza Portabales, Antía Yáñez…
15. E poetas? Luz Fandiño, Rosalía, Andrea Nunes, Silvia Penas, Olga Novo, Samuel Merino, Xela Arias, Lúa Mosquetera, Diana Kurich e as miñas queridísimas Comadres das Letras.
16. Un heroe de ficción? Non teño.
17. Unha heroína? Xena.
18. O teu músico ou música favorito/a? Sés.
19. O teu pintor ou pintora preferido/a? Frida Kahlo.
20. O teu heroe ou heroína na vida real? A miña avoa.
21. O teu nome favorito? Xela.
22. Que hábito alleo non soportas? A hipocrisía.
23. Que é o que máis detestas? A mentira.
24. Unha figura histórica que che poña mal corpo? Calquera ditador, principalmente se procede da Galiza.
25. Un feito histórico que admires? Calquera pola defensa dos dereitos LGBTIQ+.
26. Que virtude desexarías posuír? A de ser unha persoa decidida e segura de si mesma.
27. Como che gustaría morrer? Rápido.
28. Cal é o estado máis común do teu ánimo? Vivo permanentemente en estado ansioso.
29. Que defectos che inspiran maior indulxencia? Aqueles que provoca o descoñecemento.
30. Tes unha máxima ou lema de vida? Todo pasa.
Descubre más desde Lecturafilia
Suscríbete y recibe las últimas entradas en tu correo electrónico.
