Cuestionario Proust Antonio M. Fraga: escritor

Antonio M. Fraga

Antonio Manuel Fraga é un escritor galego nado en Nogueirosa (Pontedeume) en 1976. Estudou Enxeñaría Técnica Industrial en Ferrol, mais a vida teimaría por levalo cara ao eido das letras, destacando a súa prolífica obra para público xuvenil e infantil, con títulos como O Castañeiro de Abril, Xildas, Tártarus, O capitán Maimiño, O bestiario científico de Anxos Nogueirosa ou santoamaro. Ademais colleitou abondosos premios como o Merlín de Literatura Infantil ou o Jules Verne de Literatura Xuvenil, ambos da editorial Xerais, ou o I Premio Premio Antón Risco de Literatura Fantástica coa novela Querido H.P. Lovecraft

Coñecémolo mellor neste Cuestionario Proust:

1. O principal trazo do teu carácter?  A ironía, talvez. E unha tendencia innata a pintar a mona.

2. Que calidade aprecias máis nun home? A amabilidade.

3. E nunha muller? Tamén.

4. Que agardas das túas amizades? Que cando nos atopemos falemos coma se nos vísemos o día anterior, aínda que pasase un ano.

5. O teu principal defecto? O medo, que me paraliza decote.

6. A túa ocupación favorita? Escribir.

7. O teu ideal de felicidade? Gozar da xente querida, comer ben, pasear e escribir. Unha vida que comprenda todos estes aspectos.

8. Cal sería a túa maior desgraza? A desaparición dos meus seres queridos.

9. Que che gustaría ser? Un mellor escritor do que son.

10. En que país desexarías vivir? Gustaríame vivir o verán en Islandia e o inverno en Italia.

11. A túa cor favorita? O azul.

12. A flor que máis che gusta? Gústanme as flores silvestres que pola primavera tinguen os prados: mexacáns, primaveras, violas…

13. Que paxaro prefires? A pega.

14. Os teus autores/as favoritos en prosa? Na lectura, como na música, son de obsesións transitorias. Adoito ler todo o que publica Auður Ava Ólafsdóttir e ultimamente gocei moito con libros de Mariana Enríquez, Marta Sanz, Brenda Navarro, Valeria Luiselli, Hannah Kent… Despois, sempre teño nun lugar especial a Toni Morrison, Capote e mais Bolaño. E a Salinger, que é unha obsesión adolescente que non conseguín superar.

15. E poetas? Conecto ben coa poesía de Lucía Aldao e Eva Veiga, porque me falan de territorios que coñezo. E despois está Joan Miquel Oliver, que me gusta todo o que fai.

16. Un heroe de ficción? Porco Rosso.

17. Unha heroína? Chihiro.

18. O teu músico ou música favorito/a? Buf, tantos… Agora mesmo creo que o que máis escoito é Baiuca, Lana del Rey, Antonia Font e Regina Spektor. Se me preguntas dentro dun mes seguramente che direi outros nomes diferentes.

19. O teu pintor ou pintora preferido/a? Non sei se aquí teño un nome que poida dicir, mais escribín un relato que conectaba coa obra de María Antonia Dans e foi un proceso moi enriquecedor e pracenteiro.

20. O teu heroe ou heroína na vida real? Admiro moito a meu irmán. É unha das persoas máis integras que coñezo.

21. O teu nome favorito? Xela.

22. Que hábito alleo non soportas? A descortesía.

23. Que é o que máis detestas? A min mesmo demasiadas veces.

24. Unha figura histórica que che poña mal corpo? Agora mesmo, o maldito xenocida de Benjamin Netanyahu.

25. Un feito histórico que admires? Por proximidade, as mobilizacións obreiras de Ferrol en 1972.

26. Que virtude desexarías posuír? Constancia e valentía para afrontar a vida.

27. Como che gustaría morrer? Non me gustaría morrer.

28. Cal é o estado máis común do teu ánimo? Un intermedio entre a ansiedade e a felicidade.

29. Que defectos che inspiran maior indulxencia? A esaxeración, porque é un defecto ao que eu tamén tendo.

30. Tes unha máxima ou lema de vida? Non teño ningún, mais estou traballando para que sexa “cada día ten abondo co seu afán”.


Descubre más desde Lecturafilia

Suscríbete y recibe las últimas entradas en tu correo electrónico.

Avatar de Desconocido

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Este sitio utiliza Akismet para reducir el spam. Conoce cómo se procesan los datos de tus comentarios.