Cuestionario Proust Anxo González Guerra: profesor xubilado e amante da literatura galega

Anxo González Guerra

Anxo González Guerra é unha desas persoas que traballan arreo a prol da causa na que cren, no seu caso o ensino e a formación. Estudou no Seminario de Lugo e formou parte da primeira promoción de Filoloxía Galego-Portuguesa na Universidade de Santiago de Compostela. Desde 1980 deu clase no IES Sánchez Cantón de Pontevedra, converténdose en catedrático en 1992. Colaborou coa Universidade de Vigo como docente na preparación do profesorado no CAP e no Mestrado de Secundaria. Así mesmo, participou na redacción do Dicionario da Lingua Galega-Isaac Alonso Estravís (Ed. Alhena, 1986).

Desde 2005 coordina canda a súa muller, Vitoria Ogando Valcárcel, a páxina web ogalego.eu. Dende 2015 colabora de forma activa na Galipedia. E na actualidade participa tamén no programa Luar da TVG facendo de profesor e falando de tradicións galegas.

1. O principal trazo do teu carácter? A paciencia.

2. Que calidade aprecias máis nun home? Que sexa un home bo.

3. E nunha muller? Que sexa unha boa muller.

4. Que agardas das túas amizades? Que estean aí acompañándome no camiño.

5. O teu principal defecto? A falta de xenio ás veces.

6. A túa ocupación favorita? Enredar coa cultura galega.

7. O teu ideal de felicidade? Seguir como estou, non ir a peor.

8. Cal sería a túa maior desgraza? Perder o sentido, a memoria.

9. Que che gustaría ser? Gandhi noutra vida.

10. En que país desexarías vivir? Vivindo nas Rías Baixas non hai nada mellor, e despois en Suíza.

11. A túa cor favorita? Sempre o azul.

12. A flor que máis che gusta? Tardei anos en coñecela, mais polo seu cheiro o azar.

13. Que paxaro prefires? O paporrubio, sempre cercano acompañando tranquilo.

14. Os teus autores/as favoritos en prosa? Blanco Amor, Jorge Amado, Isabel Allende e Riveiro Coello.

15. E poetas? Rosalía e Manuel Antonio sempre, e Lorca e Pessoa.

16. Un heroe de ficción? Frodo Bolson, de O Señor dos Aneis.

17. Una heroína? Eowyn, de O Señor dos Aneis.

18. O teu músico ou música favorito/a? Amancio Prada, Paco Ibáñez, Lou Reed, Bob Dylan, Queen.

19. O teu pintor ou pintora preferido/a? Lugrís, Laxeiro, Goya.

20. O teu heroe ou heroína na vida real? As profesionais da sanidade.

21. O teu nome favorito? Feminino: Vitoria e Laura. Masculino: Paulo e Aldán.

22. Que hábito alleo non soportas? Os falsos mentireiros.

23. Que é o que máis detestas? Que me enganen adrede.

24. Unha figura histórica que che poña mal corpo? Millán Astray.

25. Un feito histórico que admires? A Segunda República.

26. Que virtude desexarías posuír? O saber consolar a quen o precisa.

27. Como che gustaría morrer? De repente e sen dor.

28. Cal é o estado máis común do teu ánimo? Dándolle ao maxín para algunha angueira.

29. Que defectos che inspiran maior indulxencia? A torpeza.

30. Tes unha máxima ou lema de vida? Vivir aproveitando o momento e compartilo.

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Este sitio utiliza Akismet para reducir el spam. Conoce cómo se procesan los datos de tus comentarios.