Literatura e xornalismo son dúas disciplinas que case sempre acaban por atoparse. Despois de anos na profesión, e seguindo nela, Ana Cabaleiro (Saídres, 1974) animouse coa literatura, e no 2017 publicou o libro de relatos Sapos e sereas, ao que seguiron as novelas As Ramonas, Premio García Barros e Deixádenos remar, finalista do XXXVII Premio Xerais de Novela. Tamén participou en antoloxías colectivas de relatos como Contra o vento ou O libro dos trens.
Agora ve a luz Xa vemos palmeiras, unha obra que é o resultado do proxecto «Shukran», galardoado co I Premio Exeria de creación literaria, convocado en 2022 polo Concello de Santiago e a Residencia Literaria 1863, en colaboración co Consulado General de España en Xerusalén. O libro conta como vinte persoas descoñecidas van pasar unha fin de ano ao deserto de Merzouga, no Sáhara marroquí, nunha viaxe organizada que atravesa o país.
Coñecemos á autora un pouco mellor neste Cuestionario Proust.
1. O principal trazo do teu carácter? A perseveranza.
2. Que calidade aprecias máis nun home? A lealdade.
3. E nunha muller? A lealdade.
4. Que agardas das túas amizades? A xenerosidade para compartir tempo. 5. O teu principal defecto? A perseveranza convertida en obstinación.
6. A túa ocupación favorita? Pasmar.
7. O teu ideal de felicidade? Almorzar tranquila fronte ao mar (sen wifi nin teléfono).
8. Cal sería a túa maior desgraza? Perder as persoas que quero.
9. Que che gustaría ser? Pintora ou cantante.
10. En que país desexarías vivir? Na Galiza liberada.
11. A túa cor favorita? Vermello.
12. A flor que máis che gusta? A herba de San Xoán.
13. Que paxaro prefires? O cuco, por pillabán e porque o seu canto anuncia unha época luminosa.
14. Os teus autores/as favoritas en prosa? Alice Munro, Ana María Matute, Anxos Sumai, Virginia Woolf, Patricia Highsmith, Karen Blixen…
15. E poetas? Miriam Ferradáns, Pilar Pallarés, Francisca Aguirre, Lucía Aldao, Yolanda Castaño…
16. Un heroe de ficción? O lobo famento dos contos da tradición oral galega 17. Unha heroína? As nosas sereas lendarias: Leucoíña, Maruxaina, a serea dos Mariño (ou serea de Sálvora).
18. O teu músico ou música favorito/a? Sés.
19. O teu pintor ou pintora favorito/a? Jean-Michel Basquiat.
20. O teu heroe ou heroína na vida real? Todas as nais traballadoras.
21. O teu nome favorito? Antón/Aldara.
22. Que hábito alleo non soportas? A prepotencia e a mentira, en empate técnico.
23. Que é o que máis detestas? O abuso de poder, tanto a pequena como a gran escala.
24. Unha figura histórica que che poña mal corpo? Franco e en xeral todos os ditadores.
25. Un feito histórico que admires? A caída do Muro de Berlín.
26. Que virtude desexarías posuír? A moderación.
27. Como che gustaría morrer? Non me gustaría.
28. Cal é o estado máis común do teu ánimo? O optimismo inconsciente.
29. Que defectos che inspiran maior indulxencia? A inocencia.
30. Tes unha máxima ou lema na vida? Andaremos e veremos…
Descubre más desde Lecturafilia
Suscríbete y recibe las últimas entradas en tu correo electrónico.
