Na actualidade están xermolando moitísimos proxectos culturais de recuperación das voces das mulleres que foron silenciadas no pasado. Este camiño, moi prolífico na literatura infantil e xuvenil, ten un duplo obxectivo: dunha banda, conseguir que se coñeza a traxectoria vital e profesional das que nos precederon, e por outra, que as nenas de hoxe en día teñan modelos de mulleres qeu fixeron cousas, que foron importantes en certos eidos. Guerreiras de lenda é un libriño moi fermoso creado por dúas meigas das letras galegas, Maite Mosconi e Miriam Beizana, e que conta coas ilustracións de Gemma Martínez.
O libro é toda unha experiencia sensorial, pois recompila lendas de lobas brancas, lavandeiras máxicas, castelos encantados e damas castrexas, dende un putno de vista abertamente feminista. Baixo os xéneros da poesía e do relato, as dúas autoras propoñen outra forma de entender a historia, na que as mulleres están postas no foco da acción, e non nun papel secundario, como a miúdo acontecía nos contos tradicionais de hai anos. Nese sentido penso que é un libro revolucionario e moi necesario, que se complementa moi ben coas ilustracións e coas actividades que se inclúen ao final, coas que a cativada se relaxará ao tempo que aprende sobre mitoloxía galega.
Guerreiras de lenda colleita a tradición e a nosa cultura popular, e por iso constitúe unha homenaxe ás nosas devanceiras, mulleres valentes que, antes ca nós, artellaron un mundo e procuraron o seu sentido.
“Lúa era a lúa no ceo
E tamén unha muller moi fera.
Perseguía a xustiza con bravura
E loitaba contra os que quería invadir a súa terra”.
Ficha técnica
Autora: Maite Mosconi e Miriam Beizana Vigo
Ano de publicación: 2019
Editorial: Vanir
Número de páxinas: 43