Unha achega infantil á biografía de Ricardo Carvalho Calero

Como xa vén sendo habitual, o Día das Letras Galegas supón que, xa con meses de antelación, as editoriais comecen a traballar nas reedicións e biografías da obra da persoa homenaxeada. Así acontece nesta ocasión, cando queda pouco máis de tres meses para o 17 de maio, cando lembraremos a figura de Ricardo Carvalho Calero, mestre, escritor e estudoso da cultura, autor da novela Scórpio ou do colosal ensaio Historia da literatura galega contemporánea. Pois ben, os amigos de Polo Correo do Vento concibiron unha pequena biografía destinada aos máis pequenos e pequenas, que se completa marabillosamente coas ilustracións de Miguel Pérez Ramudo. Publicada baixo o selo de Lela Edicións, esta biografía supón un complexo exercicio de síntese, sobre todo porque estamos diante dunha persoa con moitas facetas e que, aínda a día de hoxe, segue a xerar controversia en torno á súa defensa do galego reintegracionista.

Lela Edicións ten no seu facer propostas que, ante todo, fan país e reivindican figuras importantes da nosa cultura para que non fiquen esquecidas, caso de Seoane, o creador na súa tinta, Un ronsel de ardora. Pequena biografía de Ángeles Alvariño, Meiga nova, metade anxo, metade marisco. Pequena biografía de Maruja Mallo, Unha historia de amor. Pequena biografía de María Victoria Moreno, Semente de igualdade, semente de liberdade. Pequena biografía de Ernestina Otero, ou O valor das ideas: a precursora do libro electrónico. Pequena biografía de Ángela Ruiz Robles. Como vedes, prestan una especial atención ao rescate de mulleres destacadas que loitaron no pasado en terreo masculino, co que iso significaba.

O libro de Carvalho Calero que temos entre mans supón, pois, unha boa forma de achegarse ao que foron os fitos fundamentais da súa vida, dende que nacera na cidade de Ferrol o 30 de outubro de 1910 ata os últimos anos nos que continuou sementando entre o seu alumnado o amor pola cultura de noso. Son moitas as persoas que lembran o simbolismo de dúas das súas novelas máis destacadas: A xente da barreira, e a biográfica Scórpio. Precisamente, desta última, os autores desta biografía toman os personaxes de Scórpio e Cleo, que son os que neste caso funcionan como fío condutor.

Sobra dicir que, aínda que se trata dun libro creado en primeiro lugar para a cativada, a el pode achegarse tamén o público adulto que queira saber quen foi e que significou Carvalho Calero na Galiza pasada e actual.

Ficha técnica

Título: Ricardo Carvalho Calero

Autores texto: Polo Correo do Vento

Autor ilustracións: Miguel Pérez Ramudo

Editorial: Lela Edicións

Ano de publicación: 2020

Número de páxinas: 35

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.