Be water

Antía Yáñez acaba de publicar en Cuarto de inverno o seu novo libro "Be water"

Imaxinades un día no que a auga sexa un ben escaso e teñamos que pagar polo seu uso? Sobre esta utopía non tan afastada reflexiona Antía Yáñez no seu novo libro Be Water, co que resultou finalista do I Premio María Victoria Moreno de Literatura Xuvenil e co que a editorial Cuarto de Inverno inicia a súa andaina no camiño literario galego. Celebro moito esta noticia, sobre todo porque necesitamos de proxectos que aposten pola nosa lingua e por facer chegar as mellores historias aos lectores e lectoras que queiran gozalas.

Centrándonos xa no libro da autora burelá, Be water é unha historia á que, aínda que se presenta para público xuvenil, poderá achegarse calquera persoa ávida dunha lectura entretida e que trate temas comprometidos. Niso estaba eu o pasado domingo, día chuvioso e gris, no que me deixei levar por esta historia que ten a auga como tema principal, pero que nos leva tamén a pensar na necesidade do ecoloxismo e nas novas maternidades e relacións interpersoais. Neste senso, a autora é quen de facernos pasar un rato agradable, ao tempo que nos espreme os miolos e nos incita a tomar conciencia.

Cada mañá, as Autoridades da Colmea entregaban aos obreiros do seu sector as cantidades correspondentes de auga como paga polo traballo do día anterior, antes de iniciar a nova xornada laboral. Os aquaestáticos podían conter tanto líquido coma o dono fose quen de aforrar; as paredes adaptábanse a calquera volume, pero case ninguén conseguía chegar ao día seguinte con algo de auga no seu. O prezado líquido non se empregaba só para beber, senón que cada individuo debía administralo e reservar o necesario para o aseo diario e as tarefas domésticas. Por fortuna, había xa máis de medio século que os retretes e as lavanderías funcionaban en seco. Tamén se usaba para efectuar pagos, xa que na Colmea non había billetes nin moedas: o máis prezado que tiñan era a auga”.

Como ben se advirte no parágrafo anterior, o libro sitúase no ano 2483, nun tempo posterior ao Gran Cataclismo, cando a auga xa non é excesiva e a cidadanía a utiliza coma un ben escaso, chegando a compararse co que hoxe é o diñeiro. Nesa época tan cruel sobrevive Iolanda, unha adolescente que ten unha filla que coidar e pola que debe facer moitos sacrificios diarios. Por iso, ante a aparición dun estraño cadáver, ela verase obrigada a tomar certas decisións que afectarán á súa vida e a levarán a cuestionar o sentido do seu pasado e do que vai ser o futuro.

O ritmo do libro é moi potente, e na recreación da acción é interesante a división que a autora fai dos capítulos, que recordan grandes obras da literatura universal: A Colmea, Utopía, Grandes esperanzas e A Odisea. Os elementos metaliterarios non rematan aquí, senón que tamén se observan na propio nome dalgúns personaxes, como o caso de Hera, Aquiles ou Lucrecia, que nos levan á época clásica.

Sen dúbida, un libro moi acaído para os tempos que corren. Lonxe do que poidamos pensar, a auga xa é case un ben escaso e cómpre que nos mobilicemos e actuemos para, a través das accións máis cotiás, minimizar os efectos adversos sobre o medio ambiente.

Ficha técnica

Título: Be water

Título: Be water

Autora: Antía Yáñez

Editorial: Cuarto de inverno

Ano de publicación: 2019

Número de páxinas: 115

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

Un comentario sobre “Be water

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.