Paco Roca, debuxante de cómic e creador de "Engurras"
Paco Roca, debuxante de cómic e creador de “Engurras”

A vellez é unha etapa da vida á que todos lle temos certo respecto xa que nela comezan a agromar moitos dos males aos que o ser humano se ten que enfrontar. Ser ancián significa ver reducidas as capacidades motrices e a memoria, depender doutras persoas para realizar as actividades máis cotiás e, sobre todo, sentir moi enriba o paso do tempo e o remate da vida.

Vexo ao meu avó, un home forte e valente, ao que recordo sempre erguéndose ás sete da mañá e traballando arreo no campo ata ben entrado o solpor, e que agora repite en moitas ocasións que non vai chegar á miña voda, nin ao próximo Nadal. Supoño que a vellez é moitas veces iso, sentir que o peso da vida dobrega tanto o lombo que os ánimos se ven baixos e a morte comeza a verse xa demasiado preto.

Pensando nisto descubro estes días Engurras, unha banda deseñada da autoría do valenciano Paco Roca e que foi moi aclamada polo público e a crítica dende a súa publicación alá polo 2007. Engurras, cun título que non deixa lugar a dúbidas, é o relato dunha persoa que perde a memoria, un proceso que comeza a ser lento pero que se acelera de pronto. O Alzheimer, esa enfermidade inexplicable, anúlate como ser humano e borra da mente as lembranzas, aínda que non as máis antigas. A persoa que o sofre xa non será nunca máis a mesma, e os seus familiares tampouco.

Neste cómic, o debuxante valenciano fala destes temas con moita humanidade e coa precisión que dá a ollada intimista de quen observou a diario a moitos anciáns que ían vendo deterioradas as súas capacidades mentais e motoras.  Engurras son, ao fin e ao cabo, as historias da vellez que Paco Roca foi recompilando: “a miña veciña Dolores, que levaba da man ao seu home, doente de Alzheimer. Ela era cativa e el grande, repoludo e con ollada ausente, guiábao con infinita dozura e mirando par eles, resultaba doado imaxinar que pasaran toda unha vida xuntos e que, talvez, nalgún momento da súa vida, xuraron que xamais se separarían”.

Indo máis aló, Engurras describe á perfección a dureza que supón para moitas persoas ter que soportar a soidade e non ter xa máis aspiracións na vida que comer e durmir, e agardar. Soamente agardar.

Ficha técnica

Título: Engurras

Autor e debuxante: Paco Roca

Editorial: El Patito Editorial

Ano de publicación: 2007

Ano de edición: 2014

Número de páxinas: 108