Acabei a triloxía de Cincuenta sombras de Grey, e aínda que nun comezo confeso que me “enganchou”, agora saquei a conclusión de que debaixo desa aparente historia de amor, hai moita máis ideoloxía.
Fronte ao que parece ser unha historia capaz de facernos soñar e desexar ser a protagonista moitas veces, o certo é que está moi presente a supeditación da muller.
Esta idea pode entenderse ao comezo da triloxía, xa que parece que os protagonistas- Anastasia Steele e Christian Grey- van ter unha relación baseada no sadomasoquismo. Pero esa idea inicial vai mudando ao longo dos seguintes libros ata chegar a converterse nunha relación normal. Pero, os vestixios do pasado de Christian Grey perduran e non é quen de esquecelos para formar unha verdadeira relación con Anastasia. Lonxe diso, a relación que comezan é baseada sobre a dominación do home sobre a muller. Resulta sorprendente que sexa unha muller a que escriba esta historia. Pode que sexa unha revolución no sexo para as mulleres e non o discuto, só que de tomalo ao pé da letra podemos chegar a entender que o que Anastasia Steele fai por compracer a Grey é normal. E con isto non me refiro só a unha compracencia no ámbito sexual, senón que vai máis alá e dáse nas situacións máis cotiás.
Amparándose na idea de ser unha historia revolucionaria da vida sexual de moitas mulleres, abandona moitas veces a labor da literatura achegando a idea da existencia dunha “pornolectora” que queira sentirse como a protagonista da triloxía.
A historia ten algúns momentos tenros, pero logo chegan a esfumarse debido a que o sexo o invade todo, e leva a que en certos momentos o argumento pareza forzado só para converterse nun auténtico libro porno pensado para as mulleres. E xa é nesta concepción de ser un libro pensado para o sexo feminino onde xa vemos como existen unha serie de clichés do que é literatura para mulleres e para homes, cando, ao caso contrario, a literatura non debería ser unha catalogación por sexos senón unha escolla persoal.