Existen outros paraísos…

Unha espléndida sesión de fotos nunha natureza inimaxinable e cun tempo soleado e quente. Iso foi o que nos deparou o domingo 19 de febreiro. O que o día anterior comezara coma una simple idea (empezar a utilizar a cámara dixital réflex recén mercada) resultou ser un paseo pola tranquilidade da natureza máis agochada da provincia ourensá con amplos recunchos para tomar fotografías. Nin eu nin o meu mozo iamos imaxinalo.

Saímos da casa a iso das catro da tarde, algo cedo porque sempre adoitamos saír sobre as seis ou así. Pero ese día iamos con ganas de ir ata o Entroido de Ourense e así aproveitar para ver as fermosas pontes antigas que hai no centro da cidade. Decidiramos ir por un camiño longo para así poder sacar algunha que outra foto mentres chegabamos a Ourense centro. Pero, á altura de Amoeiro o coche comezou a facer un ruído estraño semellante a un pitido chirriante, polo que decidimos parar para ver que era. E, quizais o azar quixo que frearamos xusto diante dun cartel onde estaba o mapa do Camiño do río Barbantiño. Sentiámonos inquedos polo automóbil ata que uns señores que pasaban por alí murmuraron:

–          Seica son doce quilómetros pero merece a pena.

Non vou negar que cando escoito ás persoas falar así de “incógnito” me produce unha sensación de querer saber de que vai a conversa (quizais por iso quero ser xornalista). E foi grazas a estas casualidades, se lle podemos chamar así, polo que decidimos adentrarnos nese marabilloso camiño. Cando penetras nese monte recorda en algo ao bosque animado, unha especie de microcosmos, aínda que neste caso non hai case animais que se vexan pero si a tranquilidade suficiente como para deixarte embargar dese áurea e non querer saír del. O día acompañaba para tirar fotos e o que comezara como algo anecdótico converteuse en toda una aventura de tres horas. O camiño cheo de follas secas onde aínda se podía ver que o outono non marchara de todo, o río cunha auga cristalina e una verdosidade que estaba presente en todo o monte é o que fixo que o tempo pasase como se dun lóstrego se tratase.

Antes de proseguir coa miña andaina teño que dicir que ao ver o río Barbantiño me acordei dunha historia que lera sobre un home que pescaba nese río cando se lle apareceu un enorme lobo en posición de atacalo. Ao final o lobo resultou ser un pastor alemán que andaba polo monte co seu dono. E lembreime desta anécdota porque mentres camiñabamos atopámonos cun can xoguetón que non se afastaba de nós. Criamos que estaba abandonado pero máis atrás viñan dúas mulleres que resultaron ser as donas. Quedamos cas ganas de tirarlle unha fotografía, o can afastábase demasiado rápido de nós e non puidemos.

Gran parte do Camiño do Barbantiño está no concello ourensán de Punxín, que limita con Amoeiro. Esta é unha pequena vila que non conta con moitas infraestruturas pero si suficientes monumentos para visitar:  o castro celta de San Cibrán de Las, e igrexas como as de Ourantes, Santo Estevo ou o Pazo da Forza, entre outros moitos.

Camiño do Barbantiño e fervenza

E seguimos paseando polo Camiño admirando a paisaxe e desexando cada vez máis chegar ata a famosa fervenza da que nos falaban todas as persoas que neses momentos pasaban  polo noso carón con roupa de sendeirismo. Nese sentido, eu ata os envexaba porque a miña roupa (pantalóns vaqueiros e bailarinas) non era precisamente a máis axeitada para camiñar.

E chegamos finalmente á tan coñecida fervenza que comprende os concellos de Maside, Amoeiro, Punxín e Ourense e que acouta o río durante seis quilómetros de lonxitude. Os pescadores da zona lamentan o efecto que tivo na catarata a construción dunha minicentral (propiedade de Engasa) e das obras do AVE, cuxo viaduto coroa o alto da fervenza, rompendo unha parte do seu encanto e reducindo o número de visitantes.  Con todo, aínda que se reducisen os turistas, a zona segue sendo aproveitada polos veciños da zona que a usan para unha xornada de relax apartados da vida cotiá.

É quizais esta área xeográfica onde máis tempo pasamos xa que as fotografías que se poden sacar da paisaxe son inimaxinables.Da cascada sae unha auga inmensamente cristalina, que erosiona as pedras e acentúa a tranquilidade desa zona. Eu só estaba practicando coa cámara porque, se fose un fotógrafo profesional, sacaría todo o que a paisaxe dá de si mesma e máis. Porque hai certos lugares nos que a natureza parece que reclama unha fotografía.

Neste día descubrín que a natureza pode dar moito de si. A min, que estou acostumada a vivir nunha vila pequena e tranquila, pareceume que en comparación co camiño do Barbantiño é ruidosa. Recomendaría que todo aquel que tivese tempo e ganas de afastarse do cansazo da cidade pasase a dar unha volta para gozar da natureza deste camiño. Non é por afán de publicidade do lugar xa que non teño nada que me ate máis a el cá gran relaxación que me impregnou ese 19 de febreiro: a sensación de que o mundo está cheo de pequenos paraísos.

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

w

Conectando a %s