Estou de acordo coa afirmación de que unha obra literaria sempre é un todo coa vida de quen a escribe. Polo tanto, vida e obra son como un corpus onde ámbalas dúas beben unha da outra. Ao ler El Perfume de Patrick Süskind, xa dende o comezo me embargou a idea de que tiña que haber unha posible explicación detrás do que a simple vista podía ser unha narración de ficción máis.

Algo que destaco é a orixinalidade na maneira de presentar os feitos: o autor non describe elementos visuais, senón que se centra nos cheiros e olores que fan que mentres les a obra te embargues dunha sensación de que es ti mesmo quen os ules. Iso é o que fai da obra toda unha novidade, tanto nos anos oitenta como na actualidade, onde non perde forza nin éxito entre o público.

Pero penso que detrás desa descrición de olores como perfumes están tamén os cheiros desagradables que fan que a novela teña unha dobre vertente: por un lado, está a facilidade coa que logra que o lector desexe o perfume descrito e, por outro, tamén están eses cheiros de cousas putrefactas que fan que incluso nalgúns momentos se chegue a sentir noxo por Jean- Baptiste Grenouille, o protagonista.

Tras esa descrición de bos cheiros e malos cheiros está a dobre dualidade da persoa humana. O protagonista contrasta dunha maneira especial cos deliciosos perfumes que fabrica. Tras esa apariencia de marxinado social, choca especialmente que esa mesma persoa poida facer os exquisitos perfumes cos que calquera de nós soñaría. O autor, aínda que fose sen decatarse, quixo facernos desprender a idea de que detrás de cada físico hai unha persoa coas súas dotes e defectos. Pero el demóstranos iso, fuxindo dos míticos tópicos tan evidentes.

Tamén ao ler o libro, a min deume a sensación de que ese desexo que tiña o protagonista de conseguir a esencia perfecta tamén o temos nós aínda que non expresado do mesmo xeito (hai que lembrar que Grenouille mata a vintecinco mulleres para así co seu aroma poder conseguir o perfume ideal). Os olores son identificativos de moitas cousas e o ser humano dende sempre buscou conseguir ese cheiro que o caracterizase, ese cheiro que o faga único e inconfundible ante os demais.

Sin  lugar a dúbidas, toda unha obra da que para cadaquén pode significar unha cousa, pero da que estou seguro que o que quixo dicir con ela só o sabe o autor. E senón sempre nos quedará ver a obra co seu argumento e nada máis alá, aínda que dubido que iso se logre. Aí o deixo.