Sentada cunha bolsa de pipas, nun ambiente de total relaxación, onde non hai máis preocupacións cá de atopar en que enredar o tempo libre. Niso consistían os meus veráns da infancia. Agora os problemas van máis alá do aburrimento nun verán. Agora existen problemas de verdade, para os que ás veces non me sinto preparada.

Cando unha persoa te fai dano o máis normal é tentar apartala da túa vida. Mais, nunca vos aconteceu que desexades apartarvos de alguén e a impotencia non vos deixa? Nunca vos aconteceu que a vosa parte racional vos di que tedes que tomar unha decisión pero o corazón vos fai máis sensibles e débiles a hora de tomar esa decisión?

No momento de chegar a tomar unha decisión contra esa persoa, sempre che van vir á mente os bos momentos con esa persoa, cando a felicidade aínda era posible, cando falando se podían arranxar as cousas, cando a indiferenza non existía.

Ás veces non se toman decisións por medo a cambiar de vida, porque ao fin e ao cabo cando compartes moitos momentos, négaste a que as cousas cambien e veñan outras novas ás que temes non adaptarte.

E por moito que os demais che digan o que é mellor para ti, sempre vai estar esa maldita conciencia que te importuna e che di o que debes ou non debes facer. Esa maldita conciencia que ás veces te fai reflexionar tanto que non te deixa tomar a decisión que necesitas, unha maldita conciencia que te fai aferrarte a un sufrimento innecesario.

Que ocorre entón cando unha muller sofre o maltrato dun home e non é quen de saír dese círculo? Ocorre que a conciencia está de novo aí para recordarlle que debe aguantar por diversas causas, a conciencia está aí para impedirlle ver un mundo novo, a conciencia está aí dicíndolle que ela é en parte culpable da situación na que se atopa inmersa.

A violencia de xénero é algo tan complexo de entender … A concienciación colectiva hoxe en día existe e aínda así segue existindo maltrato e mulleres que o “consenten” (máis ben habería que dicir que o aguantan). Non se pode establecer un momento exacto dende o que unha muller sofre maltrato, é un cúmulo de sensacións. Só pensar que un día te podes sentir coma unha princesa e ao día seguinte como unha persoa non pertencente a este mundo, férveme o sangue por dentro.  Mentres unha muller siga dicindo “o meu marido pégame o normal”, o maltrato estará aí e lonxe de erradicarse será cada vez máis forte. Unha realidade brutal, pero máis brutal cando esa persoa maltratada forma parte da túa familia.