Por todos é sabido que é complexo vivir en galego. A normalización sería que a lingua estivese presente en todos os usos e situacións de forma natural, algo que na actualidade non pasa, pois ás veces sentímonos estranxeiras na propia terra. Iso acontece porque existe unha lei de normalización lingüística e un plan que quedaron a medias, e que nos últimos anos non só non se avanza senón que mesmo se retrocede e avivan vellos prexuízos que criamos superados. Marcos Maceiras e Elsa Quintas, responsables de A Mesa Pola Normalización Lingüística analizan en Liberdade para o galego cales son os planos de actuación e aqueles nos que se falla. Con limiares de Pilar García Negro e Paul Bilbao, o libro é unha ollada afiada e práctica dende dúas perspectivas nas que os autores son expertos: a historia e o dereito.
Maceiras e Quintas aseveran que non houbo unha política activa, transversal e planificada de corrección das causas históricas de desprestixio social do galego. De feito, «a liberdade para o uso do noso idioma está condicionada a se manter sempre baixo a subordinación e secundarización respecto do español».
A política lingüicida da Xunta foi total nestes anos, pois mantéñense e avívanse vellos prexuízos. O libro é unha análise dura e certeira das promesas e dos incumprimentos, e do moito que aínda fica por facer. No ensino, por exemplo, todo retrocedeu co mal chamado “decreto do plurilingüísmo”, a través do cal o galego é relegado a niveis de uso anecdótico, polo que todo o que se fai nos centros en canto á lingua dependen, na súa maioría, do profesorado comprometido, e de aí xermolan iniciativas como “21 días co galego” ou “Aquí tamén se fala”.
No caso da xustiza é onde sentimos máis indefensión e desprotección. O coñecemento da lingua por parte do funcionariado da xustiza non é unha esixencia, senón un mérito, de aí que se queremos ser atendidas ou que a nosa causa conte cos documentos en galego sufriremos demoras e negativas. Algo semellante acontece na administración pública, pois en moitos espazos non se garante a comunicación en galego, non se crean servizos de normalización, e mesmo algunhas administracións néganse a tramitar expedientes nesta lingua aínda cando a cidadanía o esixe.
Non podemos esquecer os incumprimentos nos medios de comunicación, así como na economía e na sociedade, na saúde e no lecer, ademais da súa proxección exterior. Unha obra que demostra o longo camiño que temos por diante, e tamén o gran traballo de asociacións como A Mesa.
Ficha técnica

Título: Liberdade para o galego. Política, uso e disposición da lingua
Autores: Marcos Maceiras e Elsa Quintas
Ano de publicación: 2024
Editorial: Laiovento
Número de páxinas: 146
Prezo: 17,95 €
Esta crítica publicouse orixinalmente no suplemento Sermos Galiza do xornal Nós Diario.
Descubre más desde Lecturafilia
Suscríbete y recibe las últimas entradas en tu correo electrónico.
