«Todos arrastramos sen querer as historias dos demais». Eider Rodríguez conta a historia dunha familia, e tamén das súas debilidades. Analízase a través delas, e tenta indagar que hai detrás da infancia e das cousas que daquela non comprendía e que na idade adulta comezan a ter sentido.
O pai da protagonista de Material de construción facía e vendía materiais para as casas. E dábaselle ben. Non tanto construír un fogar. Neste libro, Rodríguez indaga nos materiais da súa infancia e da súa complexa relación cun pai alcohólico e moitas veces ausente, ao que ás veces só recoñece na enfermidade e trala morte. O libro é case coma unha gran disección, pois as palabras actúan coma un bisturí que corta onde é necesario, quizais na busca de que a ferida cicatrice. Non hai aquí certezas, senón moitas dúbidas, coma cando a narradora se pregunta en bucle se quere ou non quere ao pai, e se este a quere a ela. As relacións familiares non están exentas de polémicas, e dunha certa dor que supura e que non sempre somos quen de advertir de onde vén. A novela sitúase nesa dor, na busca da propia identidade a través da figura dun pai que non estaba, pero tamén da simbiose co propio espazo, a Errenteria natal, ou as contradicións que a asolan: a busca da lingua propia e ese amor – odio cara as orixes, o temor, a ansiedade, a culpa, a forma de afrontar o mundo…
O libro está escrito en forma de diario e vai dende que o pai enferma ata que falece. Neses espazos a autora vai facendo memoria e contándonos a infancia e a súa loita por atopar un oco no mundo. Precisamente, é neste estilo persoal onde consegue chegar moi ben a nós, porque, en maior ou menor medida, todas temos ou tivemos contradicións familiares e tamén debates que abordar.
A palabra é moi importante para a autora. Ao longo do libro confesa en varias ocasións que acudiu a elas, á literatura, na busca dunha comprensión ante a incomprensión. E faino cun estilo moi fermoso, poético, con citas que son puñais, pero que tamén representan un acubillo.
A obra sitúase nesa corrente de novelas que falan sobre os pais, e conversa con outras como A morte do pai, de Karmele Jaio, La isla del padre, de Fernando Marías ou mesmo Ordesa, de Manuel Vilas. Reflexiónase sobre a vergoña, o silenzo político (ao que tamén se refire a escritora vasca Edurne Portela en El eco de los disparos), tamén do lingüístico, en definitiva, desa busca do propio lugar vindo do lugar dos demais.
Ficha técnica

Título: Material de construción
Autora: Eider Rodríguez
Tradución: María Ramos Salgado
Ano de publicación: 2024
Editorial: Aira
Número de páxinas: 200
Prezo: 19,00 €
Esta crítica publicouse orixinalmente no suplemento Sermos Galiza do xornal Nós Diario.
Descubre más desde Lecturafilia
Suscríbete y recibe las últimas entradas en tu correo electrónico.
