Alberte Momán (Ferrol, 1976), profesionalmente enxeñeiro técnico agrícola, é autor dunha prolífica obra, tanto de poesía como de narrativa. Entre elas destacan O lobo da xente, Erórica, O pasado nas horas, De ter un can chamaríalle Guenguis, Isto é un poema e hai xente detrás, Baile Atha Cliath, Tripas ou Non venal. Ademais, ten colaboracións dispersas por diversos volumes colectivos e en revistas como Madrygal ou Dorna.
Coñecémolo mellor neste Cuestionario Proust:
1.O principal trazo do teu carácter? Pode que sexa a repetición. Teño unha tendencia case obsesiva por remarcar certas cousas cando falo, polo que me repito moito.
2. Que calidade aprecias máis nun home? A honestidade.
3. E nunha muller? O mesmo.
4. Que agardas das túas amizades? Sinceridade e proximidade, non necesariamente física.
5. O teu principal defecto? Entendo que cos anos funme facendo máis introspectivo, cuestionándome cada vez máis. O problema, alén desa auto esixencia, é a tendencia a estender esa crítica ás persoas coas que me relaciono. Aínda que intento que isto non condicione as miñas relacións.
6. A túa ocupación favorita? Cada vez estou máis cómodo coa lectura e a fotografía. Cando digo cómodo refírome a que selecciono máis, centrándome só no que me gusta. Antes lía coa presión de quen ten demasiado por ler, hoxe leo simplemente polo pracer de ler. Supoño que asumín que non vou ser quen de ler todo o que me gustaría. No que respecta á fotografía, aínda que hai moitos anos que me intereso por ela e que abranguín todo o proceso até o propio revelado, tiña a necesidade de indagar á espera dun grande descubrimento, hoxe saco as fotos que me apetecen, experimentando só cos conceptos teóricos.
7. O teu ideal de felicidade? Hoxe, o meu ideal de felicidade redúcese a poder poñer en práctica os meus coñecementos en agricultura para conseguir, na medida do posible, pechar o círculo co fin de ser autosuficiente. Non nunha grande exploración, só de forma experimental. Ocórrenseme moitas ideas ao respecto que creo que poderían funcionar.
8. Cal sería a túa maior desgraza? Creo que a miña maior desgraza sería perder o ánimo por seguir pescudando nos eidos que me interesan, xa que non se trata dun interese simplemente profesional, é moito máis que iso.
9. Que che gustaría ser? Non creo que se se trate de ser algo distinto do que xa son. No ámbito profesional e persoal non me propoño grandes metas. Creo que o que máis me interesa é chegar a ser mellor do que son. Coido que me gustaría poder conseguir a integridade suficiente como para vivir en paz comigo mesmo.
10. En que país desexarías vivir? No que xa vivo, pero máis perto da costa.
11. A túa cor favorita? Non sei se teño unha cor favorita, gústanme certos matices do verde sobre organismos vivos e o azul do ceo a determinadas horas do día e en certas estacións.
12. A flor que máis che gusta? Agora mesmo, despois de ler varios artigos sobre a camelia, gústanme as distintas formas e tons das flores deste arbusto.
13. Que paxaro prefires? O paporroibo, basicamente porque case a diario venme visitar un, aproximándose á fiestra do meu despacho.
14. Os teus autores/as favoritos en prosa? Boris Vian, Roberto Bolaño, Virgine Despentes, Iulian Semionov e algún máis que esquezo.
15. E poetas? Hans Magnus Enzensberger, Jonh Berguer, Samuel Beckett.
16. Un heroe de ficción? Max Otto von Stirlitz da saga de Semionov.
17. Unha heroína? Tratándose dunha ou dunhas heroínas de ficción, escollería as protagonistas femininas dos meus libros, basicamente porque representan, en moitos casos, a persoas que aprecio convertidas en seres ficticios.
18. O teu músico ou música favorito/a? Ultimamente, escoito moito a Nicola Porpora. En xeral gústame o rock and roll en todos os formatos, antecedentes e evolucións posteriores. Durante moito tempo obsesioneime co psychobilly porque quería imitar o estilo das cancións para escribir os relatos que se remexían na miña cabeza e que considero que nunca logrei materializar.
19. O teu pintor ou pintora preferido/a? Neste momento, creo que diría Edward Hopper.
20. O teu heroe ou heroína na vida real? A miña nai.
21. O teu nome favorito? Maianca.
22. Que hábito alleo non soportas? Un deles é a impuntualidade.
23. Que é o que máis detestas? A deslealdade.
24. Unha figura histórica que che poña mal corpo? José María Aznar.
25. Un feito histórico que admires? Todos os valos de Manselle que existen ou existiron.
26. Que virtude desexarías posuír? A sabedoría.
27. Como che gustaría morrer? Sen que ninguén teña que padecer os meus males.
28. Cal é o estado máis común do teu ánimo? Maiormente calmo.
29. Que defectos che inspiran maior indulxencia? Os que van ligados á aprendizaxe.
30. Tes unha máxima ou lema de vida? Moitos que non son quen de verbalizar e polos que tento guiar os meus actos. Non sempre con éxito.
Descubre más desde Lecturafilia
Suscríbete y recibe las últimas entradas en tu correo electrónico.
