Andrea Fernández Maneiro é unha poeta nada en Carril (Vilagarcía) no 1964.
De vocación e profesión locutora de radio, pasou pola “Cadena Ser”, Radio Galega e varias municipais, Como ela mesma confesa, o seu seu hábitat natural é a poesía en letra e imaxe (fotografía) aínda que, ás veces, tamén se deixa levar polos microrrelatos.
É autora dunha variada a ampla obra poética, con títulos como Migratoria, Edénicas, Contratempos ou Voto de silencio. Ademais gañou premios como o IX Certame de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro, o XVI Certame de Poesía Illas Sisargas ou o IV Premio de Poesía Eduardo Pondal.
Coñecémola mellor neste Cuestionario Proust:
1. O principal trazo do teu carácter? Arroutada.
2. Que calidade aprecias máis nun home? A empatía, a honradez e o criterio propio.
3. E nunha muller? As mesmas cousas.
4. Que agardas das túas amizades? O mesmo que agardan elas de min, poder rir xuntas e chorar xuntas, pero sobre todo querernos.
5. O teu principal defecto? Son a personificación do caos.
6. A túa ocupación favorita? Dúas: fotografía e ler.
7. O teu ideal de felicidade? Simplemente vivir.
8. Cal sería a túa maior desgraza? Que me falten as persoas que quero (tamén as ghatiñas) ou a saúde (isto aprendino, como quen di, antonte).
9. Que che gustaría ser? Nada máis que o que son. Noutra vida agardo que bailarina de ballet ou astrofísica.
10. En que país desexarías vivir? Este do que son, pero pasando temporadas en calquera outro, especialmente: Turquía, Exipto e Vietnam.
11. A túa cor favorita? Laranxa.
12. A flor que máis che gusta? Unha das nosas orquídeas silvestres, a Serapias Lingua. Teño ao pé da casa un prado onde medran cada ano, sospeito que desaparecerá en canto e ”medre” a estación de autobuses (que xa hai un proxecto).
13. Que paxaro prefires? A Estreliña riscada (Regulus ignicapilla) , aínda que me ghustan todos os paxaros cativiños.
14. Os teus autores/as favoritos en prosa? Non leo moita prosa, polo menos non tanta como poesía, pero acabo de rematar agora A Boca da sombra e abraio co oficio de Emma Pedreira, coa súa imaxinación refulxente; declárome namorada da súa prosa, se teño que dicir alguén máis pois Cunqueiro, Tolkien, Asimov, Orham Pamuk…
15. E poetas? Tantas! Emma Pedreira, Marta Dacosta, Eva Veiga, Pilar García Rego, Xela Arias, Alba Cid, Clara Pino e Patricia Torrado Queiruga, ademais de Celso Emilio Ferreiro, Manuel Antonio, Matsuo Basho (a poesía oriental paréceme marabilla pura), Góngora (adoro o Polifemo), Juan Ramón Jiménez…
16. Un heroe de ficción? Niggle ( o protagonista do conto “ A folla de Niggle” de Tolkien).
17. Unha heroína? Pippi Långstrump.
18. O teu músico ou música favorito/a? Bowie. Eu non son moi mitómana pero Bowie é único para min; aínda así, teño un gusto moi variado con respecto a estilos musicais, este caso como de case todo (reguetón, non).
19. O teu pintor ou pintora preferido/a? Lugrís e Klimt. É complicado escoller un só.
20. O teu heroe ou heroína na vida real? Todas aquelas persoas que se xogan a vida axudando á poboación civil en calquera conflito.
21. O teu nome favorito? Dous: Aloia (miña filla) e Gonzalo (meu fillo).
22. Que hábito alleo non soportas? Que coman coa boca aberta, cuspan no chan ou incumpran as normas de convivencia; son moi repunanta eu.
23. Que é o que máis detestas? A violencia inxustificada e de calquera tipo.
24. Unha figura histórica que che poña mal corpo? Os ditadores de toda pelaxe.
25. Un feito histórico que admires? A loita feminista (desde o principio e nas súas sucesivas ondas).
26. Que virtude desexarías posuír? A mesura e a orde.
27. Como che gustaría morrer? Sen decatarme.
28. Cal é o estado máis común do teu ánimo? Curioso e feliz.
29. Que defectos che inspiran maior indulxencia? Todos os que non leven mala intención. Quen son eu para xulgar?
30. Tes unha máxima ou lema de vida? “Quid pro quo” e “O cemiterio está cheo de imprescindibles”, sei que non son lemas de vida exactamente, pero son referencias que non quero perder, nesta vida non se pode un esquecer de ningunha destas dúas cousas.
Autoría foto: María Martínez Redondo
Descubre más desde Lecturafilia
Suscríbete y recibe las últimas entradas en tu correo electrónico.
