Cuestionario Proust Iria Pedreira: escritora e tradutora

Iria Pedreira Sanjurjo (Ordes, 1991) éfilóloga, tradutora e escritora. Foi grao en Filoloxía Clásica na Universidade de Santiago de Compostela e doutora cum laude no Programa de doutoramento en Textos da Antigüidade Clásica e a súa pervivencia . Así mesmo, conta cun Mestrado en Textos de la Antigüedad Clásica y su pervivencia na Universidade de Salamanca e con outro de Formación de Profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato, Formación Profesional e Ensino de Idiomas, Especialidade de Grego na UNED.

Actualmente está vinculada a proxectos de crítica literaria. Ademais, como escritora destaca o libro de divulgación musical Ferreñas e rock and roll, asinado canda Laura Romero, e Melpómene entre nós, un estudo sobre a reelaboración dos clásicos grecolatinos na dramaturxia galega contemporánea.

Coñecémola mellor neste Cuestionario Proust:

1. O principal trazo do teu carácter? A autoesixencia.

2. Que calidade aprecias máis nun home? Unha sincera vontade de empatizar.

3. E nunha muller? Non resignarse ao silencio.

4. Que agardas das túas amizades? Apoio e lealdade, mais tamén risas e algunha calugada metafórica cando preciso espelir.

5. O teu principal defecto? A inseguridade. Teño unha falta total de confianza en min mesma e nas miñas capacidades.

6. A túa ocupación favorita? Amasar. Ultimamente tornei na “friki das masas”.

7. O teu ideal de felicidade? Calquera privilexio sinxelo: tomar uns ginger ales no Pub Kronos de Ordes coas miñas amizades un sábado á noite, facer unha boa lasaña para os meus un domingo calquera, ler á sombra da parra dos kiwis no verán, unha sesión vermú nas festas da miña vila, ir ao cine eu soa…

8. Cal sería a túa maior desgraza? Perder a máis mínima esperanza de que as cousas melloren.

9. Que che gustaría ser? Unha persoa despreocupada e ociosa que viva dos royalties.

10. En que país desexarías vivir? Sempre na aldea do Peñasco. E máis aínda cando declaremos a independencia e sexamos o microestado europeo máis cativo de todos.

11. A túa cor favorita? O azul.

12. A flor que máis che gusta? Detesto as flores e estou moi fóra desa tendencia que considera as plantas coma as novas mascotas.

13. Que paxaro prefires? A curuxa.

14. Os teus autores/as favoritos en prosa? Fiódor Dostoievski, Albert Camus, Eduardo Blanco Amor, Berta Dávila, Begoña Caamaño, Iria Misa, Iolanda Zúñiga, Roald Dahl… A listaxe é inabarcable.

15. E poetas? O último dos tres grandes poetas tráxicos gregos: Eurípides. E moita lírica contemporánea: Xela Arias, Anne Carson, Ismael Ramos e outros tantos nomes para unha listaxe tan inabarcable coma a anterior.

16. Un heroe de ficción? Anakin Skywalker e o seu formidable percorrido tráxico.

17. Unha heroína? A princesa Leia. Referente absoluto (e tamén marcada por un destino tráxico).

18. O teu músico ou música favorito/a? Se as listaxes literarias eran inabarcables, esta é directamente imposible. Quedarei con David Bowie, Depeche Mode, Beyoncé e Ángel Stanich só para resumir por onde van os tiros cando saco a pacer a miña melomanía.

19. O teu pintor ou pintora preferido/a? Tiven unha grande obsesión con todo o temario de segundo de bacharelato de Historia da Arte (á que non renunciei por completo) ata que un día Laura Romero me descubriu a Jenny Saville.

20. O teu heroe ou heroína na vida real? A miña irmá.

21. O teu nome favorito? Ceres.

22. Que hábito alleo non soportas? Que non se preste atención a quen che está a falar.

23. Que é o que máis detestas? Que se opine de todo sen saber de nada.

24. Unha figura histórica que che poña mal corpo? Margaret Thatcher.

25. Un feito histórico que admires? A Revolução dos Cravos.

26. Que virtude desexarías posuír? Con ter un chisco máis de valentía xa me conformaría.

27. Como che gustaría morrer? Como di a canción de Catuxa Salom: sen gloria nin pena e coa xente bailando en pelotas pola area. De feito, xa teño a playlist preparada para esa continxencia.

28. Cal é o estado máis común do teu ánimo? O pesimismo e a autocompaixón.

29. Que defectos che inspiran maior indulxencia? Probablemente os dous que veño de recoñecer en min na pregunta anterior.

30. Tes unha máxima ou lema de vida? Non o teño claro porque botei tres días cavilando nesta pregunta e só me saían ensinanzas do Mestre Yoda, letras de Motomami e diálogos de Paquita Salas ou The Office. Que cadaquén saque as súas propias conclusións…


Descubre más desde Lecturafilia

Suscríbete y recibe las últimas entradas en tu correo electrónico.

Avatar de Desconocido

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Este sitio utiliza Akismet para reducir el spam. Conoce cómo se procesan los datos de tus comentarios.