Cuestionario Proust Antía Veres Xesto: tradutora

Antía Veres Xesto é a responsable de que resoen en galego obras tan fermosas como O deus das pequenas cousas, de Arundhati Roy ou O inimigo coñece o sistema, de Marta Peirano, pero tamén dos libros infantís que compoñen a serie Txano e Óscar, entre outros moitos. Nada en Guitiriz no 1992, esta tradutora xa conta con abondosos premios na súa traxectoria. No 2013 conseguiu o accésit na edición de 2013 do Premio de tradución da Universidade de Vigo pola tradución da obra O conto de Nadal de Auggie Wren, de Paul Auster. No 2017, foi a gañadora do I Premio Realia de Tradución por Detrás da máscara, de Louisa May Alcott. No 2019, gañou o XVIII Premio Plácido Castro pola tradución da obra Unha muller perdida de Willa Cather.

Coñecémola mellor neste Cuestionario Proust:

1. O principal trazo do teu carácter? O agradecemento.

2. Que calidade aprecias máis nun home? Que amose interese: interese polo que lle contas, polo que fai, por coidar a comunidade e o mundo no que vive.

3. E nunha muller? O mesmo.

4. Que agardas das túas amizades? Que, por moito que cambiemos e que muden as nosas circunstancias, non me marchen, que sigan estando aí para facer o que sempre fan con tanta naturalidade: quitarlles ferro ás miñas preocupacións, crer en min máis do que eu o fago, darme pulos, arrincarme mil sorrisos e encherme por dentro coa súa simple presenza, xa sexa física ou virtual.

5. O teu principal defecto? Ser demasiado cadrada nun mundo que tende á esfera.

6. A túa ocupación favorita? Desocuparme para escoitar, observar e tocar a natureza.

7. O teu ideal de felicidade? A infancia.

8. Cal sería a túa maior desgraza? A de calquera nai.

9. Que che gustaría ser? Bióloga.

10. En que país desexarías vivir? Sempre en Galicia.

11. A túa cor favorita? A morada.

12. A flor que máis che gusta? Os pensamentos e as milicrocas.

13. Que paxaro prefires? O paporroibo no outono e no inverno, e o cirrio na primavera e no verán.

14. Os teus autores/as favoritos en prosa? Paul Auster, Arundhati Roy, Isabel Allende, Xosé Luís Méndez Ferrín. Por exemplo.

15. E poetas? Gloria Fuertes, Manuel María, Celso Emilio Ferreiro.

16. Un heroe de ficción? Balbino.

17. Unha heroína? Momo.

18. O teu músico ou música favorito/a? Agustín Barrios Mangoré.

19. O teu pintor ou pintora preferido/a? Un que non penso mencionar por misóxino.

20. O teu heroe ou heroína na vida real? Jane Goodall. E, sobre todo, as mulleres que me criaron.

21. O teu nome favorito? Lía.

22. Que hábito alleo non soportas? O de non falar en voz baixa en situacións que así o requiren.

23. Que é o que máis detestas? A falta de empatía.

24. Unha figura histórica que che poña mal corpo? Os asasinos do crime da Legua Dereita.

25. Un feito histórico que admires? O 8M de 2018.

26. Que virtude desexarías posuír? A da pachorra.

27. Como che gustaría morrer? Durmindo despois dun día festeiro coa familia e coas amizades; así, sen decatarme e co corazón e co bandullo ben cheíños.

28. Cal é o estado máis común do teu ánimo? A preocupación, o que non deixa de preocuparme.

29. Que defectos che inspiran maior indulxencia? A torpeza e os descoidos das persoas despistadas.

30. Tes unha máxima ou lema de vida? Paseniño, faldiña de liño. Dicíamo a miña avoa, pero aínda teño que aprender a aplicalo na vida.


Descubre más desde Lecturafilia

Suscríbete y recibe las últimas entradas en tu correo electrónico.

Avatar de Desconocido

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Este sitio utiliza Akismet para reducir el spam. Conoce cómo se procesan los datos de tus comentarios.