Coñecín a literatura de Jack London cando estudaba 2º de xornalismo, nunha materia na que nos explicaban os distintos xéneros periodísticos. Xosé Neira Cruz foi o noso mestre naquel curso e encargounos como tarefa realizar un traballo grupal de varios autores e autoras que estaban vinculadas, en maior ou menor medida, co xornalismo. A noso grupo tocounos Jack London e aí comezou unha aventura trepidante na que coñecemos máis polo miúdo ao autor das míticas novelas A chamada da selva ou Colmillo Blanco, e doutras obras máis autobiográficas nas que sempre prestou unha atención primordial ao socialismo e ao mar. Anos despois volvo atoparme co autor a través de Martin Eden, unha das súas obras máis logradas e que agora temos en galego da man de Irmás Cartoné e a tradución de Celia Recarey.
A obra que temos entre mans é quizais o mellor exemplo do que significa a loita por ser alguén. Martin Eden é un personaxe que se fai a si mesmo, que comeza a traballar no mar e que, tras namorar dunha moza burguesa chamada Ruth, sente a necesidade de estudar, de admirar a cultura. Por iso, dende o comezo deste namoramento febril quítalle horas ao sono para perseguir o seu soño de ser alguén reputado, unhas angueiras que teñen moito que ver coa consecución de cultura e, posteriormente, coa escritura. Entendida como unha fábula individualista, os lectores e lectoras gozamos desta novela trepidante e sentimos que, en moitas ocasións, comprendemos ao protagonista. Este desexo que o obsesiona enténdese mellor se pensamos nas orixes de Martin Eden, trasunto do propio autor, que saen da pobreza e do analfabetismo. Quizais é aí, nesa loita persoal, onde o protagonista atopa as ansias de ser alguén e o valora aínda máis que se partise dunha situación favorecida. Os libros convértense, así, na súa maior gloria, na súa obsesión, no mecanismo que lle permitirá lograr o que tanto persegue: ser un escritor recoñecido e casar con Ruth.
“Estaba descubrindo a lingua, e toda a fermosura e a marabilla ocultas durante anos tras os seus labios inarticulados derramábanse agora nun salvaxe e viril torrente”.
Martin Eden comeza un camiño de superación, que o levará a soñar con vivir da escritura e con axudar ás persoas do seu entorno, aínda que ás veces perda o norte e se desanime ante as continuas cartas cos seus artigos, poemas e novelas rexeitadas polos editores de xornais. Así e todo, el continúa traballando arreo, nesa loita persoal que o traslada a un lugar no que o éxito e o fracaso se disputan. Nas súas cincocentas páxinas, este libro lévanos sen parar, e sorprende a actualidade de moitos dos debates que trata, ateigados tamén dunha forte intensidade e fondura. As persoas que nos achegamos a este libro sentimos empatía co protagonista e identificámonos moi ben con eses desexos de prosperar na vida que el ten e que, en maior ou menor medida, son connaturais ao ser humano.
“E despois, en esplendor e gloria, chegou a gran idea. Escribiría. Sería un dos ollos a través dos que o mundo vería, un dos oídos a través dos que oiría, un dos corazóns a través dos que sentiría. Escribiría –todo- poesía e prosa, ficción e descrición, e obras teatrais, como Shakespeare. Velaí tiña a carreira e a forma de gañar a Ruth. Os literatos eran os xigantes do mundo, e a el parecíanlle moito mellores que os señores Butler, que gañaban trinta mil ao ano e podían ser xuíces do Tribunal Supremo se quixesen”.
Aínda que se trata dun libro fortemente estudado, non quixera perder a ocasión de destacar algunhas cuestións sobre as que convén que reflexionemos. Dunha parte, ese cinismo que embarga ás clases altas, que posúen a riqueza pero apenas son conscientes do mundo que habitan; e doutra, os cambios que experimentamos conforme imos avanzando na vida. Creo ademais que London foi quen de debater sobre o mundo cultural e das ideas do momento coma poucos. E o libro, a día de hoxe, continúa plenamente vixente. Unha xoia!
Ficha técnica
Autor: Jack London
Traducción: Celia Recarey Rendo
Editorial: Irmás Cartoné
Ano de publicación: 2019
Número de páxinas: 498