“Sobre as oito e media da mañá do sábado 3 de decembro de 2011 o teléfono da casa esperta a quen escribe este texto, e a persoa que chama dille que no día anterior, a unha hora imprecisa da tarde, a policía detivera un dos seus fillos en Lugo, e que na noite do mesmo día detiveran tamén a moza coa que el vivía”.
Quen fala é Xosé Luís Santos Cabanas, un home que desde sempre sentiu unha pulsión pola escrita e que conta ás súas costas con moitos artigos espallados por revistas, xornais e publicacións colectivas. O seu desexo de poñer a vida por escrito foi unha necesidade apremiante que sentiu nese sábado de decembro de 2011 no que lle comunican a detención do seu fillo e maila súa parella, presuntamente por pertenceren a Resistencia Galega, e detidos nunha operación policial na que foron usados procedementos ilegais e próximos aos de tempos xa pasados. Froito desas visitas ao cárcere, desde o 2011 ata o 2016, naceron unha serie de reflexións, e de sentimentos a cabalo entre a frustración, o desasosego e a impotencia ante un sistema xudicial no que seguen existindo presos políticos, e no que se condena ás persoas por defender determinadas ideoloxías que non interesan ao conxunto do Estado.
Desas cartas nace o libro Novas do exterior. 63.000 quilómetros de viaxes á cadea, un libro escrito dende a sinceridade e dende o amor paterno por un fillo, e tamén como un alegato ante as inxustizas sociais e políticas deste mundo no que aínda esquecemos quen somos e de onde vimos. O resultado é unha crónica dun acontecemento que afectou ao autor e á súa familia de xeito persoal, pero tamén nos empuxa a debater sobre o mundo que habitamos, ateigado de situacións estrañas e de contradicións que nos fan aterrecer de medo. Defende o autor estas verbas porque, aínda que ás veces non teña nada novo que contar máis que o propio estatismo e a permanencia do fillo no cárcere, o certo é que escribir reduce a dor sentida e axuda a clarificar algo o acontecido.
Máis alá de seren unhas reflexións persoais, estas Novas do exterior achegan un pouco de luz sobre moito do que acontece nas cárceres, onde aos considerados presos políticos se os considera como altamente perigosos (réxime F.I.E.S.) e se lles restrinxe por exemplo o uso de libros. E é que sempre se dixo que non hai nada máis perigoso que a cultura nas mans de quen ten ideoloxía propia. Sen ningún tipo de censura, este libro destaca pola súa sinceridade, o que se observa por exemplo cando o autor fai unha crítica constante á mala atención dos propios funcionarios/as dos cárceres, en oposición á hospitalidade das xentes das vilas polas que foron pasando Xosé Luís e maila súa muller nesas viaxes longuísimas para ver ao seu fillo.
En definitiva, un libro reivindicativo, ousado, orixinal, necesario e cunhas reflexións poucas veces antes lidas, coas que continuamente vos preguntaredes se o que se conta pode ser certo en pleno século XXI.
Ficha técnica
Título: Novas do exterior. 63.000 quilómetros de viaxes á cadea
Autor: Xosé Luís Santos Cabanas
Editorial: Axóuxere
Ano de publicación: 2016
Número de páxinas: 376