Ánxela Lema París (Muros, 1991) é investigadora posdoutoral e membro do grupo ILLA da UDC. En 2020 doutorouse en Estudos de xénero e literarios con mención internacional e cum laude. Foi lectora de lingua, literatura e cultura galegas na Université Sorbonne-Nouvelle Paris 3 (2015-2018), de español na Université de Picardie Jules Verne (2017-2018) e investigadora no Centro Ramón Piñeiro (2018-2020). Os seus ámbitos de investigación son os estudos de xénero, da sexualidade e literarios, cuestións sobre as que xa publicou diferentes traballos e impartiu conferencias e seminarios. Foi galardoada co Premio Follas Novas (2024) polo ensaio que coordinou con Andrea Nunes, O cento voando. Amores, alianzas e non-monogamias (Xerais, 2023). No ámbito da ficción publicou, xunto a Sara Villar, o poemario ex-céntricas (2022).
Coñecémola mellor neste Cuestionario Proust:
1. O principal trazo do teu carácter? Isto preferín consultalo co meu comité de sabias particular e todas concordan que é a intensidade.
2. Que calidade aprecias máis nun home? Non sei exactamente o que é un home.
3. E nunha muller? Pois isto tampouco sei como contestalo, síntoo.
4. Que agardas das túas amizades? O que podo agardar de calquera lazo afectivo que manteño: amor, coidados, sinceridade, honestidade, risas …
5. O teu principal defecto? Son moi fuguillas e ás veces non me aturo nin a min mesma.
6. A túa ocupación favorita? Pasar tempo coa xente que quero, ir a concertos e ler.
7. O teu ideal de felicidade? Un chapuzón no mar.
8. Cal sería a túa maior desgraza? Perder a xente que quero de maneira inesperada.
9. Que che gustaría ser? Unha persoa capaz de estar en vinte sitios ao mesmo tempo.
10. En que país desexarías vivir? Vai quedar unha resposta perezosa para moita xente, pero de verdade que agora mesmo xa vivo onde desexo vivir.
11. A túa cor favorita? Teño varias: o verde, o lila, o laranxa …
12. A flor que máis che gusta? Os tulipáns gústanme moito.
13. Que paxaro prefires? Calquera do cento voando.
14. Os teus autores/as favoritos en prosa? O ano pasado alucinei inmenso con Sara Torres e con Alana Portero. En galego adorei o Diario de dúas casas de María Villamarín, pero son moi fan tamén da narrativa de María Reimóndez.
15. E poetas? Isto para min si que é difícil porque podería dicir moitísimas. Poesía e ensaio é o que máis leo. Algúns nomes que podería dicir: Andrea Nunes, Ana Romaní, Antón Lopo, Aldaolado, Nuria Vil, Olga Novo, Lupe Gómez, Xela Arias, Samuel L. París, O Leo, Estíbaliz Espinosa… Pero hai moitísimos nomes máis que daría.
16. Un heroe de ficción? Nevado, o can de Shin Chan.
17. Unha heroína? Gaia, a personaxe principal do Ciclo dos elementos, de María Reimóndez. Un mundo con moitas Gaias sería un mundo mellor. Con todo, Arale ou Paquita Salas tamén son grandes referentes.
18. O teu músico ou música favorito/a? Isto para min é tan complicado como o das poetas, porque escoito moitísima música, é algo que me encanta. Adoro Kevin Morby, Xoel López ou Viva Suecia, pero é que en febreiro fun feliz no concerto de Bad Gyal, en xaneiro no de Guadi Galego… Realmente escoito moitas cousas moi diferentes. Ultimamente estou moi conectada cos Floodlights, por exemplo.
19. O teu pintor ou pintora preferido/a? Amo a Helena Almeida.
20. O teu heroe ou heroína na vida real? Todas e cada unha dos amoras da miña vida.
21. O teu nome favorito? Pois tamén os de todos e cada un dos amores da miña vida porque pronuncialos remite a un mundo que me fai moi feliz.
22. Que hábito alleo non soportas? Como Aries de manual que son a lentitude ponme moi nerviosa.
23. Que é o que máis detestas? A lentitude.
24. Unha figura histórica que che poña mal corpo? Israel.
25. Un feito histórico que admires? Pois grazas á compañeira querida Daniela Ferrández descubrín moitos que adoro: desde o boicot feito á cafetería Manhattan da Coruña, que expulsou a dous homes por se bicaren, e que provocou que un colectivo LGTBIQ galego aínda non organizado como tal decidise plantarse e ir facer un sinpa colectivo, até todas as peripecias de Teresita de Borbón, disidente sexual do século pasado até o de agora descoñecida.
26. Que virtude desexarías posuír? A da paciencia.
27. Como che gustaría morrer? Pois pode soar moi típico e ñoño, pero rodeada da xente que quero e, a poder ser, sen dor.
28. Cal é o estado máis común do teu ánimo? Eufórica? Acelerada? Imaxino que por iso son hipertensa.
29. Que defectos che inspiran maior indulxencia? A imparcialidade ante as inxustizas máncame moito.
30. Tes unha máxima ou lema de vida? Desde logo, o lema de vida máis importante que teño é Antonio, meu pai.
Descubre más desde Lecturafilia
Suscríbete y recibe las últimas entradas en tu correo electrónico.
